O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilízase por unha vellez digna

Demandan que a pensión mínima sexa igual ao SMI e a súa revalorización anual co IPC

Nacional -

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse esta mañá, en todas as cidades galegas e vilas como Cangas, en demanda dun servizo público galego de atención ás persoas; o incremento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e un aumento de prazas públicas de Centros de Día e Residencias. O colectivo agarda ademais polo que decida o pleno do Congreso do próximo día 10 para saber que medidas decide aplicar o goberno tras as recomendacións do Pacto Toledo.

Representantes do colectivo lembraron que as pensións galegas seguen sendo as segundas máis baixas do Estado e que, de feito, máis da metade das persoas pensionistas na Galiza cobran menos de 706€. Unha situación que empeora no caso das mulleres porque a pensión media dun galego é case 300€ maior cá dunha galega. De feito, das persoas que teñen as pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.

Diante desta situación, o colectivo de xubilados e pensionistas da CIG estará expectante para saber que medidas se deciden o próximo martes día 10 de novembro no Congreso das deputadas e deputados, onde se abordarán as recomendacións acordadas no Pacto de Toledo.

Reitera que “o sistema público de pensións é viable se, con vontade política, se toman as decisións axeitadas, a comezar pola derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas laborais que tanto PSOE como PP impuxeron no seu momento”.

Advirte ademais que non aceptará propostas que supoñan introducir máis reformas regresivas so pretexto da crise e defende que a solución, entre outras cuestións, pasa por un mercado laboral forte, con emprego estable e salarios dignos, “único xeito de garantir un futuro con pensións que permitan ás persoas levar unha vida digna”

Entre as súas demandas salientan tamén:

  • Supresión do Factor de sustentabilidade
  • Fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (60% do salario medio) e revalorización anual como mínimo co IPC.
  • Xubilación ordinaria aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter cotizados 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
  • Cálculo da base reguladora segundo as bases de cotización, actualizadas á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización.
  • Supresión das bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social en determinados tipos de contratos laborais.
  • Eliminación do IPREM (índice que se emprega para o cálculo das pensións non contributivas).
  • Eliminación dos topes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión.
  • Traspaso á Administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.

Atención ás Persoas

O colectivo subliña que preto de 8.000 persoas seguen sen obter aínda a prestación de dependencia que teñen recoñecida; que só 86 concellos galegos contan cun centro de día público (15 deles de titularidade municipal) e que isto é inadmisible nun país como Galiza, cada día máis envellecido e onde cada vez máis persoas viven a súa vellez en soidade.

Por iso demanda a posta en marcha dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.

Fronte a isto denuncia que só un 25% das residencias de persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública e que “sumando públicas e privadas, só hai 3 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos”.

Servizos de Axuda no Fogar

O colectivo sinala que os Servizos de Axuda no Fogar (SAF), son unha competencia da Xunta de Galiza, que desde hai anos vén derivando nos concellos, supoñendo que en cada un deles se oferta de xeito diferente, pero sempre dentro dunhas condicións precarias para as traballadoras.

Por iso defende a súa inclusión nun ente público, que rematen as miserentas condicións laborais e salariais das mulleres que desempeñan este traballo de coidados cada vez máis necesario.

Volver