O Colexio Galego de Fisioterapeutas e CIG-Saúde analizan a situación laboral destes profesionais

Reuníronse para analizar o estado dos convenios na sanidade privada e a falta de prazas no SERGAS
Nacional - 30 Mar 2023

O presidente do Colexio Galego de Fisoterapeutas (COFIGA), Gustavo Paseiro Ares, reuniuse o pasado luns 27 de marzo co Secretario Nacional e con membros da executiva da CIG-Saúde coa fin de intercambiar inquedanzas sobre a situación actual das e dos fisioterapeutas galegos.

Derivación a profesionais externos ao ámbito da saúde

Gustavo Paseiro trasladou a crecente inquedanza das/os profesionais no que consideran unha “mala estratexia da administración” ao destinar fondos europeos para o fomento da práctica do deporte como medida terapéutica a recomendar polos profesionais da atención primaria no tratamento de certas patoloxías.

A este respecto, o presidente do Colexio Galego de Fisioterapeutas trasladou que son estes profesionais, os e as fisioterapeutas, os que “teñen a formación axeitada para utilizar a actividade física como medida terapéutica”.

A carteira de servizos en atención primaria, tarefa pendente

Pola súa banda a CIG-Saúde culpou desta situación “a escasa vontade do SERGAS en potenciar a carteira de servizos deste profesionais na Atención Primaria”. Nese sentido, Manuel González Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde, reclamou a necesidade urxente do desenvolvemento da carteira de servizos das/os fisioterapeutas de Atención Primaria, xunto coa contratación das e dos profesionais necesarios para facela factible.

González Moreira considerou ademais que “a incorporación dos e das fisioterapeutas cunha carteira de servizos propia e independente é unha tarefa pendente do SERGAS que non depende da dispoñibilidade de profesionais a contratar, senón da vontade da administración de desenvolver este ámbito”.

Precariedade na sanidade privada

CIG-Saúde coincidiu co presidente de COFIGA na preocupante situación dos convenios colectivos provincias da sanidade privada galega. De feito, Lugo e Ourense manteñen sen renovar os seus convenios colectivos pola negativa de UGT a negocialos durante estes anos, situación que “permitiu precarizar a situación laboral con salarios perdendo poder adquisitivo e trasladando a forza de negociar as condición de traballo aos donos dos hospitais e as diversas clínicas privadas”.

En Pontevedra véñense de actualizar as táboas salariais cun acordo que CIG-Saúde non asinou por consideralo claramente insuficiente. Este acordo mantén o convenio da provincia de Pontevedra con salarios por debaixo do SMI e unha xornada laboral excesiva.

Na provincia de A Coruña atópanse en plena negociación e para a CIG-Saúde as demandas son claras. Entre outras, González Moreira salientou “unha actualización significativa das táboas salariais e unha revisión da xornada anual”. Por iso, sendo conscientes de que só a implicación das traballadoras e traballadores vai facer posible estes avances, a CIG-Saúde trasladou a COFIGA a necesidade de informar ás e aos fisioterapeutas para que apoien as posibles mobilizacións. 

O persoal fisioterapeuta vén soportando, na sanidade privada, salarios moi por debaixo da súa formación e responsabilidade e tamén do que o seu traballo aporta ás empresas, acompañado isto de xornadas cunha intensidade de traballo excesiva, con tempos medidos por paciente e sistematicamente tendo que dar conta do número de tratamentos diarios.