O comercio do metal da provincia de Pontevedra clama por un convenio colectivo digno

Persoal do sector desenvolveu unha concentración na empresa Recambios Ochoa en Vilaboa para rexeitar as propostas regresivas da patronal
Pontevedra - 17 Feb 2026

Persoas traballadoras do comercio do metal da provincia de Pontevedra mobilizáronse hoxe diante das instalacións da empresa Recambios Ochoa en Vilaboa para reclamar un convenio colectivo digno e rexeitar as propostas regresivas da patronal.

A protesta chega despois das desenvolvidas en Vigo coincidindo coas xuntanzas da mesa de negociación do convenio do metal, na que tamén participa a asociación empresarial ATRA. A desta mañá tivo lugar no aparcadoiro próximo á compañía de recambios -que intentou impedila colocando carteis de ‘Prohibido o paso’ e delimitando o perímetro con cinta de balizamento- ao berro de “Comercio do metal, solución”, “Complemento do IT non se vende”, “Ochoa, escoita, estamos en loita” e “Convenio digno, convenio xa”.

A parte social abandonou as conversas ante a intención da patronal de eliminar a cobertura do 100% dende a primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal e de suspender durante dous anos a aplicación de artigo que impide que as empresas poidan absorber os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio. A intención desta última proposta é evitar que o persoal con mellores condicións cobre os atrasos e se poida ver beneficiado pola suba de soldos que se pacte.

Para as organización sindicais CIG, CCOO e UGT estas dúas cuestións son fundamentais e constitúen liñas vermellas na negociación, polo que decidiron abandonar as conversas mentres non sexan retiradas. Ao tempo que decidiron iniciar un calendario de mobilizacións que continuará nos vindeiros días, sen descartar unha convocatoria de folga no caso de que o empresariado non dea marcha atrás nas súas pretensións.