O comité de Ferroatlántica considera un acto de propaganda o cambio de nome "mentres as inversións seguen sen aparecer"

Reclaman da Xunta que convoque de inmediato a reunión a tres bandas

Cee -

O pasado mércores, a nova xerencia de Ferroatlántica organizaba unhas "xornadas de comunicación internas" coas traballadoras e cos traballadoras das fábricas de Cee, Dumbría e das Centrais Hidroeléctricas para anunciar o cambio de nome da empresa, que pasa a denominarse XEAL. Un acto, a consideración do comité, "puramente propagandístico" co que TPG-Ithaka "pretende vender os beneficios dunha xestión empresarial que está resultando nefasta para o complexo industrial da Costa da Morte, ao tempo que alardea duns investimentos que non executa".

O presidente do comité, Alfonso Mouzo (CIG), denuncia que até o momento a nova propiedade non gastou "nin un só euro" na necesaria modernización das fábricas de Cee e Dumbría, a pesar do compromiso de investir 14 millóns de euros, dos que Ferroatlántica se ofreceu a Xunta como garante do cumprimento dos compromisos industriais e da creación de emprego.

A empresa non se comprometeu ao arranque do forno 13, nin a retomar a produción nos outros fornos de maneira habitual"

A presentación que fixo a dirección "é puro fume", asevera, xa que falan de consolidar a compañía como referente da comarca, cando a única decisión que aplicaron foi recortar drasticamente a produción, ordenando cesar a actividade no forno 13, reducindo persoal e mantendo o resto dos fornos nunha actividade mínima, mentres ameazan con cesar tamén a produción no forno 14, o que deixaría sen fabricación de aliaxes de manganeso o centro de Cee. "Con esta estratexia o único no que será referente  XEAL será na destrución de emprego e no desmantelamento definitivo das fábricas de Cee e Dumbría", critica Mouzo.

Ademais, o comité lamenta que na reunión que mantiveron os novos propietarios co cadro de persoal, a empresa non se comprometeu ao arranque do forno 13, nin a retomar a produción nos outros fornos de maneira habitual, "cando en Ferroglobe xa teñen un calendario de arranque das súas unidades produtivas". Isto tendo en conta ademais as limitacións que supón para as fábricas non poder saír libremente a competir no mercado por depender dun único cliente "e de un provedor que lle marca o prezo e a calidade das materias primas, polo que estamos como unha subcontrata, fóra do grupo pero dependendo das súas decisións".

Responsabilidade da Xunta de Galiza

A Xunta ten que aclarar se TPG ten a pertinente autorización administrativa para realizar o cambio de nome"

Dende o comité de empresa tamén advertiron á Xunta de Galiza "que xa non pode mirar para outro lado" e píenlle que convoque ás tres partes (empresa, Consellería e comité) para coñecer "dunha vez por todas os termos do acordo e contratos entre TPG e Ferroatlántica e abordar un plan de viabilidade. Así mesmo queremos saber se TPG ten autorización administrativa para realizar o cambio de nome, xa que as concesións das centrais hidroeléctricas están a nome de Ferroatlántica e esta actuación podería supor unha segregación encuberta das actividades, algo que automaticamente suporía a cancelación do dereito de explotación dos saltos de auga".

Neste senso, non hai que esquecer que tanto FerroGlobe como o fondo TPG utilizaron como argumento para non solicitar autorización administrativa previa á venda, o feito de que a operación constituía un simple cambio do accionariado. "Resulta evidente a urxente necesidade de que a Xunta lle esixa á empresa un plan de viabilidade que garanta produción e empregos e a cláusula esencial de vinculación das fábricas e as centrais", conclúen.

Volver