O comité critica que Reganosa presume dos beneficios mentres precariza o seu persoal
O comité de Reganosa (con maioría da CIG) critica que mentres a empresa celebra nos medios de comunicación un dos mellores semestres da súa historia, a realidade que viven os seus traballadores e traballadoras é moi distinta: recortes de dereitos, xornadas abusivas e un persoal insuficiente para facer fronte ao volume real de traballo.
“A pesar dos resultados económicos millonarios, a dirección de Reganosa segue aplicando criterios laborais do século pasado, ignorando que nas últimas tres décadas se reduciron as xornadas anuais, aumentaron os permisos retribuídos e se recoñeceron novos dereitos sociais e familiares”, denuncian.
Explican que dende hai 19 anos, a empresa non adaptou os seus recursos humanos a esta nova realidade, “o que provoca que o persoal sexa obrigado a realizar horas extraordinarias de forma sistemática, moitas veces para cubrir quendas que se coñecían con antelación”.
Neste sentido, apuntan que as e os operadores de planta son chamados durante os seus días de descanso para atender buques gaseiros ou outras operacións “que se poderían planificar, no canto de contar cun persoal adecuado e con reforzos suficientes”.
A Inspección de Traballo xa lle deu a razón ao comité de empresa ao advertir que estas prácticas non poden ampararse en cláusulas de excepcionalidade do pacto de empresa, e que se vulneran principios básicos como a conciliación, o dereito á desconexión dixital e a voluntariedade do traballo extra.
“Mentres a empresa incrementa os seus beneficios, faino a costa do sacrificio persoal e familiar dos seus traballadores e traballadoras, cun modelo de xestión ancorado no pasado”, rexeitan.
Por iso, o comité de Reganosa esixe unha adaptación real do cadro de persoal á carga de traballo actual e aos dereitos do século XXI. “Os beneficios non poden seguir construíndose sobre os ombreiros dun persoal esgotado, ninguneado e forzado a renunciar ao seu tempo libre”, conclúen.