O comité da Autoridade Portuaria de Vigo denuncia os intentos do presidente de boicotear as protestas

Anuncian que reclamarán por carta o cese de Enrique López Veiga
Vigo - 19 Nov 2018

O comité de empresa da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) denuncia os intentos do presidente, Enrique López Veiga, de boicotear as concentracións de apoio aos catro compañeiros/as denunciados por supostas inxurias e calumnias. Dende a representación dos traballadores/as anuncian que reclamarán por carta o cese do máximo responsábel do ente público por non aceptar as críticas á súa xestión “e levar o tema a nivel persoal”.

Máis de medio cento de empregados/as da APV participaron hoxe na segundas das mobilizacións convocadas en apoio dos catro afectados/as, aos que López Veiga lles reclama 25000 euros por supostas inxurias e calumnias nun comunicado interno do comité en agosto de 2017.

“Semella que estas protestas non lle gustan ao presidente da Autoridade Portuaria, xa que non tardou en mandarlle un recado ao cadro de persoal no que se lle lembra a necesidade de fichar cada vez que se saia do edificio da APV, polo que as seguintes concentracións terán outro formato”, denuncian dende a representación sindical. O novo formato será comunicado polo comité despois da reunión programada para este mércores 21, na que acordarán dividir a concentración do luns 26 en dúas quendas de almorzo, “polo que levaremos café e doces para os traballadores/as que acudan”.

Petición de cese

Ao mesmo tempo, para o día do consello de administración, cando está prevista unha mobilización dende a Praza da Estrela até o edificio de sesións, a asistencia do persoal estará amparada pola convocatoria dunha asemblea de traballadores/as, “contrarrestando desta maneira as intencións represoras de López Veiga”.

Finalmente, dende o comité de empresa adiantan que están a traballar xa na carta de solicitude de cese “dun presidente que non acepta a crítica á súa xestión e leva o tema a nivel persoal”.