O comité da central de emerxencias 112 denuncia o desleixo da Xunta con este servizo

A AXEGA non proporcionou máscaras nin información ao persoal
Nacional - 01 Abr 2020

O comité de empresa do CIAE 112 Galiza denuncia a “falta de responsabilidade con este servizo por parte da Xunta” que, ao seu entender, “deixa patente a indiferenza da AXEGA coas persoas que todos os días vimos traballar para sacar adiante as emerxencias do país”. Denuncia ademais que nin sequera se atenderon as súas propostas preventivas, que permitirían garantir, en caso de contaxio, que o servizo continuase funcionando para atender todas as chamadas das e dos usuarios.

Segundo explican, na central onde se atopan o 112 e o 061 traballan arredor de 50 persoas por quenda entre os dous servizos, nun lugar onde non hai fiestras e compartindo todo o espazo. Entenden que debería ser “prioritaria a máxima precaución para evitar o contaxio que se puidera dar entre o persoal, en caso de haber algún positivo no Covid-19”.

Proposta de medidas preventivas

Porén, ante a “inacción” por parte da Xunta de Galiza, propoñen varias medidas preventivas, “xa que unha situación extraordinaria require solucións tamén extraordinarias”.

A súa primeira proposta é restrinxir o acceso á central só as persoas que se viran na obriga de traballar presencialmente, fomentando o teletraballo para o resto da plantilla (administración, prensa, formación...), evitando así riscos innecesarios.

 Xunto a isto propoñen dividir o persoal que traballa en cada quenda, en dous grupos independentes entre si entre as salas de San Marcos e A Estrada, para reducir á metade o risco de contaxio. En todo caso, ante a información de que habería unha terceira sala na Estrada, demandan que se acondicione de inmediato para poder garantir a separación neses dous grupos.

Falta de información

O comité asegura que descoñece se está feita a avaliación de riscos. “Sabemos que hai un plan pero descoñecemos os pormenores do mesmo”, explica a presidenta do comité de empresa, Isabel Moares. Como tampouco saben como está de avanzada a posibilidade de teletraballar en caso de que a situación así o requirira e, no caso de haber un positivo, tampouco saben como terían que actuar, nin que prevé facer a AXEGA de se producir esta situación.

A sensación que hai, segundo Moares, é que semella que a administración se está deixando levar polos acontecemento e tomando as decisións en función disto, cando o que tiñan que facer era “tomar as medidas precisas nunha situación tan delicada”.

A presidenta do comité asegura que levan días reclamando información e todas as medidas preventivas necesarias para evitar contaxios e corentenas que mermarían o servizo. Lembra que “estamos a falar dun traballo especializado que non podería desenvolver ningunha persoa sen preparación previa, algo imposible de facer neste intre. Aínda así, recibimos o silencio por resposta”.

Por iso consideran que hai “falta de responsabilidade” con este servizo por parte da Xunta de Galiza, o que “deixa patente a indiferenza da AXEGA coas persoas que todos os días vimos traballar para sacar adiante as emerxencias do país. Non importan as persoas, impórtalles quedar ben diante da prensa”. 

Conclúen cualificando de “insultante” e “improcedente” o comentario do Presidente da Xunta, Núñez Feixó, cando estivo, xunto co vicepresidente da Xunta, paseando pola central, por afirmar “tranquilas que nos imos contaxiar todas”.

O comité do 112 quere ademais manifestar o seu apoio ao comunicado e ás demandas realizadas polo comité e os compañeiros e compañeiras do 061.