O comité da UTE Tecman-Rayma rexeita a decisión de Navantia de dividir o contrato de mantemento e limitar o acceso aos lotes

Impídese así que o cadro de persoal poida continuar na mesma empresa ou pasar en bloque a unha nova auxiliar
Ferrol - 22 Dec 2020

O comité da UTE Tecman-Rayma alerta das consecuencias negativas que terá para o persoal que realiza o servizo de mantemento de Navantia na Ría de Ferrol, a decisión da empresa pública de dividir o contrato en varios lotes e limitar o número de paquetes aos que pode optar un mesmo licitador. Con esta manobra, que fomenta a subcontratación, imposibilítase que o persoal poida continuar na auxiliar actual ou que poida pasar en bloque a formar parte doutra compañía. Este tronzado do contrato, advirten, non se dá noutros centros de Navantia, onde si se adxudica a unha única UTE o servizo de mantemento de varios centros.

A representación social que recentemente foi publicada a folla de condicións particulares para a subcontratación dos servizos de mantemento nas instalacións de Navantia Ría de Ferrol e "unha vez revisadas estas e os paquetes que se quitan a concurso, comprobamos con preocupación que por primeira vez se limitan o número de paquetes aos que pode optar un mesmo licitador".

Isto ten como consecuencia que, malia que teren recoñecido no Convenio Colectivo provincial da Industria Siderometalúrxica o dereito á subrogación, "o cadro de persoal da UTE que actualmente desenvolvemos estes traballos nin poderemos continuar na mesma empresa nin tampouco poderemos pasar en bloque a formar parte doutra. No mellor dos casos, teríamos que espallarnos en varias empresas, rachando un cadro de persoal que sempre nos caracterizamos pola nosa combatividade á hora de defender os noso dereitos", explican.

Para o comité da UTE resulta "cando menos curiosa" a diferenza co contrato de mantemento doutros centros de Navantia, nos que si se adxudica a unha única UTE o contrato para varios centros de traballo.

Xuntanza coa Comisión de Auxiliares do comité de Navantia

A finais do mes pasado, o  comité mantivo unha xuntanza coa Comisión de Auxiliares do comité de Navantia na que lles transmitiron a total falta de acordo con este proceso "por canto vai afectar moi negativamente aos traballadores e traballadoras que integramos o cadro de persoal actual". Nesa reunión, engaden, acordouse que o comité de Navantia se reúna coa empresa e tente reconducir esta situación "tan lesiva para nós".