O comité de Abai Group (antiga Extel) convoca folga o mércores 20 de outubro contra o recorte de dereitos

Teñen convocada tamén concentración ás 12h diante da empresa

A Coruña -

O comité de Abai Group (a antiga Extel) ten convocada unha xornada de folga de 24 horas en resposta ás pretensións da empresa de eliminar dereitos adquiridos polo persoal durante estes anos, a sobrecarga de traballo insoportábel e o incremento das presións. Ademais de secundar a folga, o comité chama a todas as traballadoras e traballadores a participar na concentración convocada para este mércores, ás 12h, diante do centro de traballo da Coruña (Edifico Proa, Matogrande).

A representación social explica que dende a adquisición de Extel por parte de Abai, o persoal está a sufrir un progresivo deterioro das condicións laborais. A mercantil comunicou recentemente, a modificación de parte dos criterios que afectan ás retribucións variábeis, que ten como consecuencia unha perda substancial de poder adquisitivo para parte das persoas traballadoras, nun sector xa castigado polos baixos salarios.

A todo isto, súmase unha formación cada día máis deficiente, a esixencia de atender tres clientes á vez no novo servizo de whatsapp da empresa Movistar, e un novo intento de modificar o sistema de vacacións, así como eliminar o calendario anual de libranzas e fins de semana que conta con case 20 anos de vixencia, o que supón un ataque á conciliación da vida persoal e profesional. 

Ante estas agresións da empresa, o comité acordou a convocatoria desta xornada de folga de 24 horas e da concentración que se desenvolverá baixo o lema "Abai e Movistar terrorismo patronal".

Volver