O comité de AbaiGroup mobilízase contra os intentos da empresa de "roubarnos as vacacións"

A protesta desenvolveuse con motivo coa conciliación no SMAC
A Coruña - 16 Abr 2021

O comité de Extel (AbaiGroup) na Coruña realizou unha concentración este venres diante do SMAC con motivo do acto de conciliación polo conflito colectivo presentado contra o novo intento da dirección de recortar dereitos adquiridos polos traballadores e as traballadoras, nesta ocasión relativos ao goce das vacacións.

AbaiGroup, empresa do sector dos centros de chamadas que adquiriu Extel recentemente, comunicoulle a principios de ano ao persoal a súa intención de modificar os criterios de goce das vacacións de maneira que as persoas que teñen xornada irregular "devolvan" as horas das fins de semana que coincidan coas vacacións, obviando por completo o acordo asinado a este respecto e empeorando máis aínda as precarias condicións laborais que ten o persoal.

O comité denuncia que a dirección pretende que as/os traballadoras/es recuperen horas das súas vacacións, "vulnerando deste xeito o recollido no convenio colectivo, que establece 32 días de vacacións e que se deben respectar as xornadas máximas anuais que se viñeran gozando como condición máis beneficiosa".

Neste senso, a sección sindical da CIG advirte que esta burda manobra patronal, que amosa un total desprezo pola negociación colectiva, pon ademais en perigo un dereito adquirido durante todos estes anos, xa que o sistema que regula o goce das vacacións lévase utilizando neste centro de traballo dende hai máis de 20 anos.

Afondando na precariedade

Este novo ataque os dereitos, que se suma aos erros continuados no cálculo das nóminas, á falta de formación adecuada, aos cambios arbitrarios de departamento, á enorme presión que sofre o persoal que dende o inicio da pandemia ten que realizar máis tarefas no mesmo tempo mentres atende as chamadas, aos inasumíbeis obxectivos marcados, ou á non reposición do Plan Familia malia existir sentenza condenatoria, levou o comité a convocar unha xornada de folga no centro da Coruña o pasado 18 de febreiro, que tivo un seguimento masivo.