O comité de Alcoa encadéase na Subdelegación de Lugo para exixir a convocatoria de Mesa de Seguimento
O comité de Alcoa San Cibrao mobilizouse na mañá deste luns diante da Subdelegación do Goberno en Lugo para exixirlle o Goberno estatal que convoque de inmediato a Mesa de Seguimento, para abordar a crítica situación do complexo ante os reiterados incumprimentos dos acordos de viabilidade por parte da empresa.
Durante a protesta, os delegados e delegadas e un grupo de persoas traballadoras da factoría encadeáronse diante do edificio gobernamental reclamando unha xuntanza do Delegado do Goberno a través da Subdelegada en Lugo, que non puido contactar con Pedro Blanco xa que se atopaba entregando unha medalla á infanta Leonor.
Xosé Manuel Peña, secretario da CIG-Industria de Lugo-A Mariña e delegado da CIG, criticou o deixamento absoluto do Goberno español ante a dramática situación da fábrica da Mariña e os reiterados incumprimentos de Alcoa dos acordos de 2021 e de 2023.
Hai que lembrar que a multinacional se nega a construír o forno de ánodos e agora mantén paralizado o rearranque das cubas, pretendendo tomar como escusa a suba do custe da electricidade tras o apagamento xeral do 28 de abril.
Neste contexto, a CIG reitera a invalidez do MOU, ao que tanto o Goberno español como a Xunta de Galiza lle deron o seu aval, demanda que se garanta o cumprimento dos investimentos e o futuro do emprego tanto na empresa principal como nas industrias auxiliares e, de ser preciso, que se proceda á intervención da planta.