O comité de Alcoa solicita as medidas cautelares para evitar os despedimentos e a parada das cubas

No escrito ao TSXG pídese a intervención e administración da planta por parte da SEPI

Cervo -

O comité de Alcoa San Cibrao presentou este venres no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a solicitude de medidas cautelares para paralizar de maneira temporal o proceso de ERE, que suporía o despedimento de máis de 400 traballadores/as da principal e doutros tantos operarios e operarias das industrias auxiliares.

Na solicitude, o comité demanda a intervención ou a administración xudicial dos bens produtivos, asumíndose a intervención e administración da planta de aluminio por parte da SEPI durante o tempo que dure o proceso de impugnación do despedimento colectivo e mentres non haxa sentenza xudicial firme.

De maneira subsidiaria, no escrito tamén se solicita do TSXG que ordene a Alcoa non executar os despedimentos individuais e, en consecuencia, que non proceda á parar a produción de aluminio na fábrica e a levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva esta paralización da planta e, concretamente, das cubas de electrólise, mentres non haxa sentenza firma no proceso de despedimento colectivo.

Gran manifestación en Lugo o sábado 24

Á espera do que decida o alto tribunal galego, os traballadores e as traballadoras continúan coa folga indefinida e co calendario de mobilizacións para evitar que Alcoa poida executar o seu plan de peche e esixir a intervención pública da fábrica. Alén das accións diarias que están a realizar, o comité ten convocada unha gran manifestación en Lugo para o vindeiro sábado, que sairá ás 11 horas do edificio da Xunta e rematará na Subdelegación do Goberno.

Volver