O comité de Alcoa San Cibrao demanda a intervención da Xunta ante a parada das cubas e o incerto futuro da fábrica

Reclaman a aprobación inmediata dun novo marco regulador da enerxía máis xusto, estábel e competitivo

San Cibrao -

O comité de Alcoa San Cibrao  vén de solicitar unha xuntanza co presidente da Xunta de Galiza para abordar a situación incerta que atravesa a fábrica de aluminio logo da decisión da multinacional de parar 32 das 512 cubas electrolíticas, así como para coñecer as xestións que está a realizar o Goberno galego diante desta crise.

A dirección de Alcoa, escusándose no elevado prezo da enerxía, confirmaba na reunión do pasado mércores coa representación social a súa decisión de parar 32 das 512 cubas. Unha medida que dende o comité rexeitan "pois vémonos reflectidos no espello da Coruña e Avilés" e xa lle manifestaron que "non estamos dispostos a sufrir a agonía das outras plantas".

A este respecto, o comité pon o foco de atención no delicado momento que atravesa a fábrica de San Cibrao e, con ela, o conxunto da comarca da Mariña, que ten nesta actividade o seu motor económico fundamental. Por iso, reclaman a implicación inmediata tanto do Goberno galego como do español, xa que a creación dun marco tarifario xusto, estábel e competitivo que garanta a viabilidade das industrias electrointensivas e dos empregos (tanto na fábrica de San Cibrao como na da Coruña, Avilés e o resto do sector) require de solucións políticas, "pois son as institucións quen articulan o sistema tarifario".

Necesidade dun novo marco tarifario

Solucións que, hai que lembrar, pasan pola aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo que o Goberno de Pedro Sánchez se comprometeu a aprobar antes das eleccións do 28 abril, pero que a día de hoxe continúa aparcado nun caixón. E tampouco hai que esquecer que a CIG leva dende principios de ano desenvolvendo un intenso calendario de mobilizacións para esixir dos gobernos medidas que permitan atallar a crise das industrias con grandes consumos enerxéticos e que lle remitiu en numerosas ocasións ao Ministerio a proposta que a central ten elaboradora para a creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competiviva. Proposta que a CIG tamén lle presentou ao comisario europeo de Enerxía, quen asegurou non atopar no documento ningunha medida contraria á normativa da UE.

Así as cousas, dende o comité de Alcoa San Cibrao reiteran que a parada das cubas "é consecuencia do actual sistema tarifario de enerxía, que pon a electricidade un 50% máis cara que noutros países europeos e que xa parou, logo dun agónico proceso, dúas das tres electrólises de aluminio no Estado: A Coruña e Avilés".

Incapacidade política

Nesta liña, apuntan a que a actual situación política no Estado, cun goberno en funcións, "semella non ter capacidade para dar solución ao problema raíz, o que nos achega máis ao abismo, pois afasta a data dunha solución que se manifesta urxente".

Dentro deste escenario, o persoal de San Cibrao considera imprescindíbel que a Xunta de Galiza "interveña activamente para asegurar a viabilidade e o futuro desta industria, realizando todas as xestións posíbeis para a consecución, canto antes, dun sistema tarifario estábel no tempo e cun prezo competitivo que nos sitúe en pé de igualdade cos demais países da Unión Europea. Situación que nos permitirá seguir traballando e xerando riqueza no país".

Volver