O comité de Azul Handilng rexeita o ERE anunciado pola empresa de asistencia a Ryanair no Rosalía de Castro

Denuncian a previsíbel perda de postos de traballo e reclaman dos gobernos que actúen para evitar que Galiza quede sen voos
Nacional - 19 Set 2025

O comité de empresa de Azul Handling compareceu esta mañá en rolda de prensa para manifestar o seu rexeitamento ao ERE anunciado pola empresa de asistencia a Ryanair no aeroporto Rosalía de Castro e á perda de postos de traballo que isto provocará. O comité reclama ademais, a intervención dos gobernos para evitar que Galiza quede sen voos. O persoal está xa convocado a unha concentración o vindeiro xoves, día 25 de setembro, ás 9:30 horas, coincidindo coa previsible intervención da representación sindical, no pleno.

O comité xa ten confirmadas xuntanzas coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartí e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o martes 23 de setembro. O luns 22 de setembro está prevista unha xuntanza co grupo parlamentario do PP e están pendentes de que se fixe a data de xuntanza co grupo parlamentario socialista.

Segundo explicaron en rolda de prensa, o anunciado peche da base de Ryanair no aeroporto Rosalía de Castro significará, a partir do 26 de outubro, pasar de case 100 voos semanais a só 15 e que desde o 1 de novembro Santiago pasará a ser unicamente un aeroporto de destino.

O comité advirte que isto terá un grave impacto laboral porque aínda que o persoal de voo, unhas 135 persoas, foi recolocado noutras bases da compañía, non se lle deu a mesma alternativa ao persoal de terra. De feito a empresa xa remitiu un burófax para anunciar un ERE que pode afectar a entre 100 e 120 traballadores e traballadoras que aínda non teñen ningunha comunicación oficial da empresa.

Impacto económico e social

Desde o comité advirten tamén das consecuencias que terá do punto de vista económico e social. Lembran que Ryanair era, até o de agora, a compañía que máis pasaxeiros movía no aeroporto Rosalía de Casto e advirten de que a súa marcha terá consecuencias graves, porque aínda que Vueling recolla parte dos voos, non cubrirá nin o 10% da perda real de viaxeiros.

Segundo explicaron, o aeroporto xa viña sufrindo unha caída progresiva: en 2024 houbo 760.000 pasaxeiros internacionais, un 9,8% menos ca en 2023 e as operacións internacionais foron 5.437, un 11,4% menos. Nos catro primeiros meses de 2025 houbo 135.362 pasaxeiros internacionais, un 25,2% menos ca no mesmo período de 2024 e 765.436 pasaxeiros nacionais, un 6,3% menos.

Consideran que agora o Rosalía de Castro pasa de ser aeroporto internacional de referencia a aeroporto secundario, con graves consecuencias para o emprego directo e indirecto, para o turismo e para o tecido económico galego.

Neste sentido advirten que se derivarán máis pasaxeiras e pasaxeiros ao aeroporto Sá Carneiro do Porto, mentres Galiza perde conectividade e que Renfe non pode absorber o volume de pasaxeiros que até o de agora movía o Rosalía de Castro.

O que reclaman é que Ryanair proporcione información clara, inmediata e transparente sobre o futuro laboral do persoal; que se deseñe unha estratexia conxunta para os tres aeroportos galegos (Santiago, A Coruña e Vigo), baseada na coordinación e que se avance no mapa de rutas acordado no Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galiza.

“Asquerosamente ricos”

Pola súa banda, Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, cuestionou que sexa polo incremento das taxas polo que marcha Ryanair. “Estamos falando de céntimos que ademais se repercuten nos billetes”, dixo.

Alonso chamou a atención sobre que, segundo FORBES, Ryanair duplicou beneficios no primeiro trimestre de 2025 impulsado polo aumento de tarifas e tráficos. Subliñou que entre abril e xuño de 2025 tivo un beneficio neto de 820 millóns de euros, cun incremento do 128%. Datos diante dos que afirmou que “nos parece unha auténtica obscenidade. Estamos falando de mil millonarios que queren ser asquerosamente ricos e cada vez máis, a conta de explotar ás traballadoras e traballadores e de chantaxear a un país como é o noso”.

Por iso, pediu que se tomaran decisións políticas “para saber que modelo de transporte aéreo queremos, tanto por parte do Estado, da Xunta e do concello”, que considerou que “teñen que adoptar medidas para evitar que este tipo de chantaxes de empresas multinacionais que xa son asquerosamente ricas se produzan”.