O comité de empresa de BorgWarner, empresa do sector da automoción con centros de traballo no Porriño, Vigo e Nigrán, vén de anunciar a convocatoria de mobilizacións ante os incumprimentos do convenio en materia de xornada, contratación eventual e saúde laboral.
A representación sindical (integrada pola CIG, UGT, CGT, USO e CCOO) denuncia que a chegada da nova dirección en agosto do 2025 dende outras fábricas de BorgWarner de fóra do Estado español (directora de planta e directores de produción) supuxo unha precarización das condicións laborais para os cadros de persoal dos tres centros de traballo da provincia de Pontevedra.
Sinalan que a nova dirección trouxo consigo uns obxectivos que pretenden acadar incumprindo a normativa laboral en materia de xornada, descanso diario e semanal, saúde laboral e fraude na contratación, así como incumprindo a bolsa de traballo eventual. En consecuencia, o comité de empresa, as seccións sindicais e persoas traballadoras interpuxeron unha morea de denuncias diante da Inspección de Traballo, que resolveu con requirimentos e sancións por infraccións graves. “Mais polo irrisorio das contías das sancións a empresa continúa cos incumprimentos, malia ser unha das compañías máis beneficiadas polas axudas públicas da Xunta e do Estado”.
Ante esta inacción e falta de control das administracións públicas, o comité decidiu iniciar medidas de presión a petición do persoal, comezando pola eliminación de horas extraordinarias, a non aceptación de cambios de xornada e do calendario laboral asinado, “que gradualmente iremos incrementando até lograr reverter o ataque contra as normas laborais de aplicación, con especial atención á problemática da fraude na contratación eventual e ao cumprimento da xornada diaria, semanal e anual”. Así coma aos descansos estipulados por lei, cuxo incumprimento está a provocar un incremento das IT por riscos psicosociais e trastornos músculo esqueléticos por exposición prolongada a carga de traballo sen os descansos regulados pola norma.
Finalmente, lembran que o cadro de persoal acadou no máis de medio século de historia da compañía éxitos e beneficios empresariais récord para os distintos propietarios ao longo dos anos, especialmente dende o 2010 cando BorgWarner se fixo co control da empresa e expandiu o negocio na provincia de Pontevedra, que actualmente consta de tres centros de traballo en Zamáns (Vigo), O Porriño e Nigrán.