O comité de BorgWarner rexeita a batería de medidas anunciadas pola empresa para reducir persoal

Demanda novos proxectos a desenvolver na planta de Vigo para xerar emprego na comarca

Vigo -

O Comité de Empresa de BorgWarner non comparte a posición catastrofista da dirección e “moito menos” a batería de medidas que vén de anunciar para o próximo ano: baixas incentivadas, internalización de servizos, EREs ou extinción de contratos. Fronte a isto considera, cando menos rechamante que o anuncio para o ano próximo coincida co momento no que toca negociar o convenio colectivo por soa “a medida de presión e medo ao persoal”. Por iso demandan que a dirección de BW centre os seus esforzos en atraer proxectos para Vigo, no canto de deseñar plans de destrución de emprego e convocan unha asemblea informativa de traballadores/as para abordar a situación actual e os pasos a seguir.

O comité lembra que a planta de Vigo leva máis de 50 anos fabricando multitude de compoñentes para o automóbil en distintas etapas e sempre cun gran éxito económico, como consecuencia do bo facer do seu persoal, experto e con elevado coñecemento dos procesos e asegura que “os traballadores e traballadoras de BW están preparados para afrontar os novos retos que se lle presenten nun futuro próximo”.

Novas liñas de desenvolvemento de produtos

Sinala que se están abrindo no mercado novas liñas de desenvolvemento de produtos ante a caída do diésel e que a planta viguesa ten un gra equipo de enxeñería traballando en tecnoloxías para vehículos de gasolina, híbridos e eléctricos. Asegura ademais que “algúns desenvoltos en Vigo xa foron adxudicados ao grupo BorgWarner”.

Subliña que algúns dos novos produtos (electrónica) que se pretenden desenvolver na nova Planta de BW en Porto Molle, “dificilmente se fabrican en serie na UE” pero, aínda así, o comité apoia o desenvolvemento destas contratacións de novos enxeñeiros para o desenvolvemento de novas tecnoloxías.

Con todo considera que hai proxectos para coches de gasolina que “encaixarían perfectamente nas nosas liñas produtivas con mínimos cambios e cun éxito seguro de fabricación, consolidando así os postos de traballo en Vigo”.

Acordes coa normativa de emisións

A fabricación na planta de Vigo está destinada, case en exclusiva, para vehículos diésel. Aínda así, o comité explica que os coolers que actualmente se fabrican en Vigo son conformes á última normativa Eu6D de emisións a nivel europeo, facendo que os vehículos diésel que montan os nosos produtos reduzan as emisións de gases NOx a niveis moi baixos, facéndoos menos contaminantes que os de gasolina. “A demonización do diésel por parte dos políticos, cos novos produtos, non ten razón de ser e castiga enormemente ao tecido industrial”.

Volver