O comité de Bosch convoca un día de folga para rexeitar o ERE temporal en Vigo

O persoal da empresa do sector dos centros de chamadas aproveitará a xornada para mobilizarse

Vigo -

O comité de empresa de Bosch, compañía do sector dos centros de chamadas con sede en Vigo, convoca unha folga de 24 horas o vindeiro mércores 27 para rexeitar o ERE temporal para 540 traballadoras/es que se está a aplicar dende o pasado mes de febreiro. O cadro de persoal aproveitará a xornada para desenvolver concentracións diante das instalacións da empresa na cidade.

Dende a representación sindical lembran que a empresa vén de aplicar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que afectará a case 600 traballadores/as e despediu a 200 persoas contratadas por ETT.

“Ademais, en febreiro comezou a aplicar o ERE temporal tras un período de consultas no que a documentación entregada foi insuficiente e no que nunca tivo ningún interese en chegar a ningún tipo de acordo, xa que o único obxectivo foi o de trasladar ao conxunto das traballadoras/es todas as consecuencias económicas das súas malas xestións”, denuncian.

Sinalan que tanto Bosch como Vodafone “forman parte do macabro xogo da globalización capitalista: Vodafone toma a decisión de deslocalizar a carga de traballo e Bosch trasládalles as consecuencias desa decisión aos traballadores/as”.

Tamén critican que estas empresas pretendan socializar as perdas “mais non así os beneficios, que os teñen, o que supón unha agresión ao conxunto da clase traballadora que non podemos deixar sen resposta”.

Mobilizacións

Diante disto, dende o comité de empresa de Bosch, presidido pola CIG, apostan por convocar unha folga de 24 horas o vindeiro mércores día 27 á que están chamadas/os a totalidade das traballadoras/es da compañía, “sexa cal sexa a campaña asignada”.

Ademais, coincidindo coa xornada de paro, desenvolverán concentracións diante dos centros de traballo da Avenida de Madrid 183 (de 11:30 a 12:30 horas) e da rúa María Berdiales 20 (de 13:15 a 14:15 horas) como as que están a levar a cabo na actualidade no marco do calendario de mobilizacións deseñado para rexeitar o ERTE e que hoxe mesmo se celebraron na Avenida de Madrid e na rúa Barxa do Covelo.

Volver