O comité de Celsa Atlantic busca apoios institucionais para garantir a continuidade industrial da fábrica

A Laracha - 29 Set 2023

O comité de Celsa Atlantic na Laracha mantivo este venres unha reunión co alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, e o deputado nacionalista, Daniel Pérez, para abordar o futuro da fábrica e dos postos de traballo. Este encontro insírese na rolda de reunións que a representación social está a manter na procura do apoio institucional preciso para garantir a continuidade da actividade industrial en Celsa Atlantic Laracha e os actuais proxectos pendentes de desenvolver.

Estas accións inícianse despois de que o Xulgado Mercantil 2 de Barcelona homologase a reestruturación presentada polos fondos acredores, perdendo desta maneira a familia Rubiralta o control do Grupo Celsa.

A este respecto, o comité traslada a súa preocupación debido a que no plan de reestruturación presentado polos acredores non se aborda un Plan Industrial para a planta de Laracha, "polo que queda a dúbida de se a nova propiedade vai seguir co proxecto de cerrar o ciclo produtivo na nosa factoría".

"Somos conscientes de que o modo de operar dos fondos de investimento soe terminar na venta dos activos a medio prazo. Por iso é tan importante, agora máis ca nunca, seguir apostando polo proxecto actual de instalar unha aceiría na Laracha", asevera o comité.

Explican que neste momento a materia prima que se transforma na Laracha vén dunha planta do Grupo Celsa instalada en Francia, polo que existe unha dependencia total dun terceiro para seguir operando.

A súa vez, consideran preciso "buscar un socio industrial que no seu momento estea interesado en finalizar este proxecto que garantiría a actividade e o emprego en Celsa Atlantic Laracha, apostando por seguir sendo un tractor económico na comarca".