O comité de Celso Míguez péchase na sede da empresa en Pontevedra para forzar unha xuntanza coa dirección

A compañía, que mantén débedas salariais, está a pechar tendas e trasladar persoal sen comunicalo
Nacional - 19 Out 2020

O comité de empresa de Celso Míguez vén de iniciar un peche na sede da compañía en Pontevedra para forzar unha xuntanza coa dirección na que poder abordar tanto a débeda salarial existente como o peche de tendas e traslado de persoal que a firma dedicada á venta de pinturas está a levar a cabo sen comunicarllo á representación sindical.

Dende a CIG-Servizos de Pontevedra explican que tiñan solicitada unha reunión para hoxe coa empresa, “e como non deron ningunha contestación decidimos presentarnos na sede da rúa Almirante Matos, pero non había ninguén da dirección; por iso decidimos permanecer aquí até que nos reciban ou nos citen para outro día”. 

A empresa adebeda catro meses de salarios e dúas pagas extra

A representación das traballadoras/es (2 delegados/as da CIG e 2 de CCOO tras o abandono da empresa do presidente do comité, que era de CCOO) pretende deste xeito forzar a apertura dun diálogo coa dirección de Celso Míguez para abordar a problemática derivada da débeda salarial que mantén co cadro de persoal: catro meses de soldo e dúas pagas extras.

Ademais, a empresa está a pechar tendas e trasladar persoal sen comunicarllo ao comité. Até o de agora tiña 16 centros de traballo por toda Galiza, con arredor de 90 empregados/as, pero a semana pasada procedeu ao peche do establecemento do Porriño.