• Nova

O preacordo entre Cespa e comité pode supoñer a desconvocatoria da folga do lixo en Pontevedra

A asemblea de traballadores/as deberá ratificar o documento
Pontevedra - 20 Dec 2016

O comité de empresa de Cespa-Ferrovial, concesionaria da recollida de lixo e limpeza viaria de Pontevedra, chegou hoxe a un preacordo coa dirección que podería supoñer a desconvocatoria de folga indefinida prevista para este domingo día 25. A asemblea de traballadores/as que se celebrará este mércores deberá ratificar o novo convenio colectivo, no que a compañía desiste de introducir a renuncia do cadro de persoal a reclamar a antigüidade derivada dos contratos eventuais.

Segundo explican dende a CIG-Servizos de Pontevedra, o preacordo entre a representación social e a dirección de Cespa-Ferrovial foi posíbel tras máis de tres horas e media de xuntanza e despois de que a empresa desistise da súa intención de introducir no convenio a renuncia do cadro de persoal a reclamar a antigüidade acumulada durante os sucesivos contratos temporais.

Ademais, o comité logrou incorporar ao texto unha serie de melloras con respecto á anterior proposta patronal que serán avaliadas en asemblea polos traballadores/as antes de decidir se aceptan o preacordo e desconvocan a folga. A xuntanza terá lugar este mércores no salón de actos do local sindical (rúa Pasantería) ás 20.00 horas.