O comité de EMESA denuncia a "nefasta xestión" do Grupo Soil Recovery "que forzou o concurso de acredores"

O persoal, que está sen cobrar dende setembro, advirte que defenderá o emprego e a continuidade da factoría

Betanzos -

O comité de Elaborados Metálicos EMESA S.L compareceu esta mañá en rolda para trasladar a preocupación polo futuro da empresa, propiedade do Grupo Soil Recovery, que vén de entrar en concurso de acredores, "logo dunha nefasta xestión e abandono". A pesar de que a fábrica de Coirós ten carga de traballo suficiente, denuncian que "a dirección ameazou con aplicar un ERE extintivo de maneira progresiva para todo o cadro de persoal; é dicir o peche de EMESA despois de 62 anos de actividade".  

Esta situación, denuncia Alberte Muíño, presidente do comité e delegado da CIG, foi forzada polo Grupo Soil que no último ano deixou no máis absoluto abandono a fábrica de Coirós, tanto que, engade, dende hai meses faltan materiais mínimos para poder traballar, cométense infraccións continuadas en materia de seguridade que poñen en  risco o persoal, e incluso se agravaron os problemas de pago dos salarios, até o punto que a empresa non paga as nóminas  dende setembro.

A isto hai que sumarlle, apunta Muíño, que nas últimas semanas se produciu o despedimento "fraudulento de máis de 30 traballadores e traballadoras, alegando a empresa fin de contrato". Despedimentos que están sendo denunciados por improcedentes.

Ante os requirimentos do comité, dende o grupo empresarial falouse primeiro de recapitalización, deixando logo a xestión "á deriva" e chegando a que a finais do verán a dirección de Madrid afirmara que non "ían por un peso e que tiñamos que sobrevivir sos co traballo que saía de EMESA". Neste senso, dende a representación social apuntan que a empresa ten cobrado traballos neste tempo, pero que ningún deses ingresos "se destinou ás nóminas do persoal".

Problemas na fábrica dende hai tempo

Os problemas na fábrica de Coirós véñense arrastrando dende hai anos, primeiro con Isolux Corsán á cabeza, que chegou a aplicar oito expedientes de regulación, e dende 2015, baixo propiedade do Grupo Soil, cun ataque continuado aos dereitos laborais e unha xestión económica "máis que dubidosa". A situación empeorou ao inicio deste ano, "con problemas de pagos de salarios e con importantes cantidades que se lle adebedaban os traballadores/as".

Diante deste futuro incerto, o presidente do comité xa adiantou que "os traballadores e traballadoras non estamos dispostas a un peche en falso dunha empresa de demostrada solvencia no laboral, avalada centos de veces polos traballos que desta fábrica saíron, e que, de permitir que o Grupo Soil Recovery force o seu peche, suporía un golpe social, laboral e económico para a comarca de Betanzos, sumándose ao desmantelamento do sector industrial galego".

Por iso, dende o comité "defendemos e defendermos a supervivencia de EMESA e o mantemento dos postos de traballo, ese o fin que contemplamos para o concurso de acredores, nin peche, nin despedimentos colectivos, nin extinción de empregos de forma especulativa e escura".

Volver