O comité de empresa da Consellaría de Política Social en Pontevedra alerta de “risco extremo” nos centros de maiores

Amosa a súa “rotunda oposición” ao ingreso de persoas con enfermidades psiquiátricas nestas instalacións
Pontevedra - 05 Set 2025

O comité de empresa da Consellaría de Política Social na provincia de Pontevedra manifesta a súa “rotunda oposición” ao ingreso de persoas con enfermidades psiquiátricas graves en centros residenciais de maiores dependentes, por supoñer riscos moi graves tanto para o persoal como para as persoas usuarias.

A alarma entre o persoal xorde tras coñecerse a través dos medios de comunicación a posíbel incorporación ao CRAPD Vigo I de persoas con patoloxías psiquiátricas responsábeis de delitos tan graves como homicidios ou agresións sexuais, algunhas delas de relevancia mediática recente. “Con esta decisión as persoas traballadoras -maioritariamente mulleres- e as residentes quedan expostas a agresións físicas, verbais e sexuais e a riscos psicosociais graves derivados de traballar en situación de medo e inseguridade e de ver como as persoas maiores sofren ou temen sufrir agresións". 

Estes centros non dispoñen de profesionais cualificados para atender axeitadamente as persoas con enfermidades psiquiátricas graves

Dende a representación legal das persoas traballadoras lembran que os centros da Consellaría de Política Social non dispoñen de profesionais cualificados para atender axeitadamente as persoas con enfermidades psiquiátricas graves. “A atención actual é claramente deficitaria, limitada mesmo a consultas de psiquiatría telefónicas, sen presenza continuada de especialistas”.

Medidas urxentes

Diante disto, denuncian que esta situación supón un “maltrato institucional inaceptábel”, tanto para o persoal como para as persoas maiores, que non deben ser obrigadas a vivir a súa última etapa en condicións de inseguridade e terror”. Polo que lle reclaman a Política Social a posta en marcha de medidas inmediatas de protección para o persoal e para as persoas usuarias e a creación de recursos específicos e centros especializados destinados á atención de persoas con patoloxías psiquiátricas graves, fóra das residencias de maiores.

“Non podemos permitir que se condene o persoal a traballar en condicións de risco extremo nin que se obrigue as persoas maiores a vivir atemorizadas”, rematan.