O comité de Política Social en Ourense rexeita a privatización do centro de menores Montealegre

A Consellaría vén de licitar a xestión por máis de tres millóns de euros
- 13 Mar 2018

Unha representación do comité de empresa de persoal laboral da Consellaría de Política Social en Ourense (CCOO, CIG, CSIF, UGT e SUMA) compareceu hoxe en rolda de prensa para denunciar a privatización do centro de menores de Montealegre, que se atopaba pechado temporalmente por obras. Consideran que se cumpriron os “peores augurios” xa que a súa xestión vai ser licitada por un total de máis de tres millóns de euros, o que supón arredor 185 euros por menor ao día.

A representación do cadro de persoal laboral do departamento autonómico amosouse moi crítico co feito de que o centro, que se atopa pechado de xeito temporal por obras segundo a versión da Consellería, sexa privatizado definitivamente, “tal e como sempre sospeitamos no comité”. A xestión privada será licitada cun orzamento total de 3.237.394,32 euros e cun prezo de 184,53 euros por menor ao día.

Lembran que o pasado 1 de marzo publicouse no DOG a licitación para adxudicación do contrato de servizos para a apertura do centro de menores de Montealegre para a atención a 24 menores, en réxime residencial, baixo a medida de protección de tutela ou garda da Xunta, especializado na atención terapéutica para menores con problemas de conduta.

Dende o comité levan tempo reclamando a necesidade de que Galiza conte cun centro de atención especializada para menores e manifestaron, como representantes das traballadoras/es, a súa total oposición a que non sexa publico e de xestión publica. Neste senso, a Consellería de Política Social -denominada en 2012 de Traballo e Benestar- anunciou o “peche temporal do Centro de Menores de Montealegre para acometer obras de remodelación e reforma, incompatibles coa habitabilidade do centro”.

Explican que para facelo modificou a Relación de Postos de Traballo (RPT), amortizando os posto vacantes ocupados por persoal laboral temporal no centro de Montealegre e no da Carballeira. O día 16 de marzo de 2012 o persoal laboral fixo foi recolocado no centro de menores da Carballeira e noutros da localidade.

Renuncia á formalización do contrato

Sinalan que noutros casos, cando teñen que realizarse obras de remodelación tan importantes, o persoal trasládase temporalmente a outro centro sen amortizar ningún posto nin modificar a RPT, “polo que o comité xa temía que o fin do centro fora finalmente a privatización, como así se puido confirmar agora”. Diante disto, critican que tras case cinco anos de reformas con fondos públicos “unha vez máis a provincia de Ourense vese coa privatización doutro centro público como xa se fixo anteriormente coa residencia de maiores do Cornubal, situada na localidade do Carballiño”.

Nesta liña, lembran que Ourense é a provincia con menos centros públicos de xestión propia do país, “e todo apunta a un desmantelamento dos servizos públicos na provincia”. Polo tanto, dende o comité rexeitan a privatización do centro de menores de Montealegre e esíxenlle a Política Social que renuncie a formalizar o contrato que executará o programa de acollemento residencial de menores e cumpra o manifestado en numerosas ocasións: que o peche temporal era temporal debido a obras incompatíbeis coa habitabilidade e que, unha vez rematadas, o persoal recolocado noutros centros volvería ao seu posto de traballo.