O comité de Povisa anuncia protestas se non hai avances na negociación do convenio

O persoal do hospital privado vigués leva 11 anos sen suba de soldos e co acordo laboral caducado
Vigo - 26 Xan 2022

O comité de empresa do hospital Ribera Povisa de Vigo anunciou hoxe a súa intención de convocar mobilizacións no caso de que non se produzan avances na próxima xuntanza de negociación do convenio colectivo, prevista para o vindeiro xoves 3 de febreiro. Dende a representación sindical lembran que o cadro de persoal do centro médico privado leva 11 anos sen suba de soldos e co acordo laboral caducado a pesar do cambio de dirección.

Esta situación provocou numerosos conflitos coa anterior propiedade do hospital, “e os traballadores/as seguimos coa mesma situación laboral en precario dende que Ribera Salud adquiriu Povisa en 2019”. As posturas están aínda moi alonxadas a pesar de que transcorreu xa un ano dende que comezaron as conversas. 

As posturas están moi alonxadas tras un ano de conversas

“Todo isto, sumado aos dous anos de pandemia, na que todo o persoal demostrou o seu compromiso, implicación e sacrificio, fai que sexa necesario que as nosas condicións laborais melloren”.

Por iso dende o comité de empresa de Povisa queren deixar moi claro que de non producirse avances na reunión prevista para o vindeiro xoves 3 de febreiro optarán por convocar un calendario de mobilizacións.