O comité de empresa de Unísono Vigo vese obrigado a paralizar a actividade ao non garantirse a seguridade

A CIG alerta do risco de contaxio masivo nos centros de chamadas

Vigo -

O comité de empresa de Unísono, compañía do sector dos centros de chamadas que en Vigo emprega máis de 850 persoas, vén de paralizar a actividade laboral acolléndose ao establecido no artigo 21 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, xa que a dirección non garante as medidas de seguridade para o cadro de persoal tras a detección dun contaxio por coronavirus na empresa. A CIG vén alertando dende hai días do risco de contaxio masivo nos centros de chamadas.

A sección sindical da CIG lembra que dende que a Xunta decretou o peche das escolas e o Goberno o estado de alarma, todas as delegadas/os da central nos centros de chamadas esixiron das súas empresas medidas para atender cada unha das situacións de risco para as traballadoras especialmente sensíbeis e para as súas familias.

Mais denuncian que “as empresas, coma sempre, avarentas e sen ter en conta ao seu persoal, negábanse o venres, e durante a fin de semana, a facilitar permisos retribuídos para aquelas persoas que non tiñan maneira de poder coidar das súas crianzas, e dando como alternativa, nalgúns casos, acudir ás bolsas de horas, solicitar vacacións ou excedencias non retribuídas, medidas sempre a costa do persoal, demostrando unha vez máis, a nula sensibilidade, respecto ou valor que lle dan ás súas empregadas/os”.

A perseverancia das delegadas/os da CIG fixo que algunhas empresas comezaran a tomar medidas o domingo e o luns, pero outras como Unisono ou Atento fixeron caso omiso das recomendacións sanitarias.

Unha vez decretado o estado de alarma, constatouse que non se estaban a cumprir os requisitos mínimos de prevención de riscos e protección das persoas establecidos polas autoridades sanitarias, senón que se mantiñan centos de persoas amoreadas en salas, a escasos centímetros unhas de outras, compartindo o posto de traballo, isto inclúe o cubículo de escasos centímetros e os equipos, onde o rato, teclado e incluso cascos con micrófono en permanente contacto coa boca, son compartidos por dúas ou mesmo tres persoas no día, sen medidas de limpeza nin desinfección. Xa que ademais non se extremaron as medidas de limpeza dos centros nin se facilitan na maioría dos casos medidas básicas como luvas, xel, toalliñas desinfectantes, etc.

Durante estes días, estes incumprimentos foron flagrantes en Unísono Vigo e a representación sindical dirixiuse á empresa para que cumpriran co ditado polas autoridades sanitarias, dándose a circunstancia, probada, de que o persoal traballaba a distancias de 40 ou 50 centímetros e estaban levando o material sanitario das súas casas.

Todos estes incumprimentos puxéronse en coñecemento da Inspección de Traballo e da propia Consellería de Sanidade. No día de onte a situación empeorou ao comunicar a empresa o caso dunha persoa contaxiada de coronavirus nun dos centros da mesma, sen concretar exactamente a campaña onde presta os seus servizos esa persoa e sen indicar aos seus compañeiros e compañeiras que se puxesen en contacto coa autoridade sanitaria para recibir as instrucións pertinentes.

Inacción da empresa

Así, pois, dado que a empresa tiña unha total inacción, o comité de empresa, decidiu poñer en coñecemento da propia empresa, da autoridade laboral competente e das Consellerías de Emprego e Sanidade, que acolléndose ao establecido na Lei de Prevención de Riscos Laborais no seu artigo 21, paraliza a actividade da empresa ata que a autoridade competente emita a súa resolución ao respecto.

Denuncian tamén a actitude de coacción e ameazas de mandos da empresa coas traballadoras/es manifestando que ían poñer sancións por abandono dos postos de traballo, cousa totalmente inadmisible nunha situación tan grave como a que se está a padecer.

Dende a CIG esixen das autoridades pertinentes que se estableza claramente cales son os servizos esenciais neste sector e se lle obrigue ás empresas a ofertar o teletraballo con carácter xeral, así como o cumprimento escrupuloso das normas de prevención dos contaxios.

Coma sempre fai, a CIG está do lado da sociedade e dos traballadores/as do sector, e por iso, non dubidaremos en utilizar todos os recursos legais establecidos na lexislación vixente ao noso alcance para eliminar a situación de risco á que se está a someter o persoal dos centros de chamadas e que se dea escrupuloso cumprimento das medidas preventivas para a contención do covid-19”.

Volver