O comité do Concello de Cariño denuncia que o alcalde incumpre co persoal e segue sen aprobar a RPT

Remata outro mandato sen que os traballadores/as equiparen o salario co do resto de Concellos da comarca

Cariño -

O comité de empresa do persoal laboral do Concello de Cariño quere denunciar publicamente que acabará outro mandato e os traballadores/as seguirán sen contar cunha Relación de Postos de Traballo (RPT) que estruture os postos de traballo existentes e permita equiparar os salarios do seu persoal cos dos outros Concellos da comarca.

Neste mandato, a punto de rematar, o alcalde, José Miguel Alonso Pumar, do grupo municipal socialista, “fíxonos crer que se tomaba moi en serio remunerar o persoal de acordo ás características dos seus postos e en consonancia co resto dos Concellos, valorando funcións e estruturando o seu organigrama; para iso contrataron unha empresa de Baleares a finais de 2017 que en breve prazo tería todo listo; o traballo da empresa quedou finalizado hai un mes, pero nestes días o rexedor comunícanos que lle será imposíbel concretar a dotación económica polo momento”.

Este incumprimento -rematar en prazo unha RPT (obrigatoria por lei) antes da fin do seu período de goberno- foi manifestado polo comité en todas e cada unha das reunións que mantivo co máximo responsábel municipal. “Pola súa falta de palabra co persoal, o comité de empresa esixiralle ao Goberno que saia elixido este domingo, sexa o actual ou outro, o seu compromiso de comezar coa negociación da RPT, nun ámbito de seriedade, respecto e boa fe, que até o de agora foi inexistente por parte da actual corporación”.

Volver