O comité de Ence esixe que se concrete a data para constituír de inmediato a mesa de traballo que garanta o futuro do emprego

Hoxe mobilizouse na Subdelegación en Pontevedra e mañá reúnese co Ministerio de Transición Ecolóxica
Pontevedra - 16 Mar 2021

O comité de empresa de Ence reclamaralle mañá ao Ministerio de Transición Ecolóxica que concrete a data co obxectivo de constituír de xeito inmediato a mesa de traballo para buscar unha solución que garanta o futuro do emprego. A representación do persoal desenvolveu hoxe unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra no marco da súa loita para forzar unha alternativa que remate coa incerteza que padecen os traballadores/as.

Dende o comité, presidido pola CIG, demandan unha mesa de traballo na que estean representados os Gobernos español e galego, a dirección da compañía e o cadro de persoal co obxectivo de atopar unha solución definitiva que garanta o futuro de todos os postos de traballo. Mais entenden que a súa formación ten que ser inmediata, e así llo trasladarán aos responsábeis do Ministerio na reunión que terá lugar en Madrid.

A representación sindical mantivo nos últimos tempos unha serie de xuntanzas cos partidos políticos con representación nos Gobernos do Estado e da Xunta, e o mes pasado reuníronse co PSdeG e cos dous vicepresidentes do Goberno galego, Alfonso Rueda e Francisco Conde, mentres que tamén teñen solicitaran xuntanzas cos Ministerios de Industria e de Transición Ecolóxica.

Rematar coa incerteza

O obxectivo é forzar unha solución que remate coa situación de incerteza na que se atopan como consecuencia de que a concesión administrativa da fábrica está xudicializada para dirimir até cando se prolonga, “pero saia ben ou mal o que está claro é que haberá recursos, o que prolongará a incerteza durante moito tempo máis”.

A isto hai que sumar que se atopa en marcha a tramitación da Lei de Transición Ecolóxica, “e segundo a quen consultes dinche que se pode aplicar con carácter retroactivo ou non; o PSdeG e os nosos avogados sosteñen que non se pode aplicar con carácter retroactivo, mentres a Xunta e a propia empresa aseguran que si que nos vai afectar”.

Por iso demandan a creación urxente dunha mesa de traballo para buscar unha solución que garanta o futuro de todos os postos de traballo, tanto en Ence como en todo o sector forestal galego.