O comité de Endesa reclama a paralización do proceso de recolocacións iniciado pola empresa

Advirten que a eléctrica desmantela a central sen ter data de peche nin os resultados das probas

As Pontes -

O comité da central de Endesa nas Pontes demanda que se paralice o proceso de recolocacións iniciado pola empresa, xa que ademais de incumprir o acordo asinado en Madrid, supón desmantelar a planta, cando aínda non se ten data de peche oficializada nin se coñecen os resultados da viabilidade técnica, económica e ambiental das probas realizadas con biocombustíbeis.

O presidente do comité de Endesa, Luis Pico (CIG),  explica que o pasado venres a eléctrica fixo unha comunicación masiva a 53 traballadores/as dos seus novos postos, de xeito que só quedan 10 traballadores/as na central das Pontes coa praza sen asignar. Isto deixar sen persoal suficiente á térmica para cubrir as garantías ou obrigas para arrancar os grupos e evidencia que Endesa non ten ningún interese no proceso de produción con combustíbeis alternativos. Ademais, a redución tan drástica de persoal podería provocar graves problemas de seguridade pola falta de efectivos.

"Denunciamos que Endesa xa ten en marcha o proceso de desmantelamento da central, comezando por deixar as instalacións sen persoal, imposibilitando deste xeito o seu funcionamento e realizar futuras probas", alerta Pico, indicando que no caso do persoal enxeñeiro que solicitou parazas voluntarias ten data de incorporación xa para 1 de decembro ou máis tardar 1 de xaneiro. Esta situación foi trasladada polo comité ao alcalde das Pontes na reunión que mantiveron esta mañá e tamén será posta en coñecemento da administración galega e español para que actúen en consecuencia.

 A maioría dos traslados son fóra de Galiza

Pero ademais, dos 53 traballadores/as aos se lles comunicou o novo destino, o 70% deles terán que ir fóra de Galiza: Lleida, Canarias, Córdoba, Mahón etc. E deste persoal, tan só 19 foron asignados nunha praza que solicitaran (tamén fóra do país) mentres que aos outros/as 34 déronlle posto en lugares que non solicitaran, e iso que tiñan que marcar até catro destinos. Dende o comité critican que esta asignación incumpre totalmente as palabras do conselleiro delegado de Endesa afirmando a creación de prazas nunha contorna de 40km da central.

Neste senso, dende o comité subliñan que unha empresa do nivel de Endesa, "cunha declaración de beneficios asombrosa, non debe, nin pode romper a conciliación familiar e laboral dos traballadores e traballadoras desta maneira. Debería acometer unha transición xusta para os seus empregados/as, buscando a conciliación laboral e familiar e evitar algo tan denunciábel como poñer indirectamente sobre o traballador/a a decisión de: ou te vas onde te asignamos ou ao paro".

Bloqueo de calquera movemento de persoal

Por iso, a representación social demanda a paralización inmediata do proceso de recolocacións e o bloqueo total a calquera tipo de movemento de persoal "até a execución, tal e como estaba comprometida, de todas as probas e a comprobación dos resultados ou, no seu caso, até que estea aprobado peche da central. Mentres que non se comprobe a viabilidade real ou non da central todo o persoal é necesario para a súa operación".

Esta demanda faise extensiva ao persoal do Porto de Ferrol xa que está na mesma situación "porque a súa operativa está directamente relacionada coa operativa da central".

Volver