O Comité de Ferroatlántica rexistra a convocatoria de folga e acorda o calendario de mobilizacións

Haberá marchas a pé dende Cee e o 8 de xullo manifestación en Santiago
Cee - 12 Xun 2017

O Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas reuniuse esta mañá para ultimar os preparativos arredor da convocatoria de folga do sábado 8 de xullo e as mobilizacións que se van desenvolver con tal motivo. Deste xeito, o propio día da folga haberá manifestación en Santiago de Compostela, ás 12:00 horas, con saída da Alameda.

Pero ademais, o mércores 5 de xullo arrancará dende Cee unha marcha a pé de traballadores e traballadoras que, en sucesivas etapas, percorrerá a distancia que separa a Costa da Morte da capital galega, a onde chegará o propio sábado pola mañá, antes da saída da manifestación.

Para recoller a solidariedade da veciñanza e chamar á participación na manifestación, o Comité tamén acordou facer un reparto masivo de dípticos explicando os motivos da folga, colada de carteis en todos os concellos da comarca e mesmo estudan organizar actos públicos abertos nas localidades onde se rematen as distintas etapas da andaina.

Un programa de actividades a través do que o Comité quere implicar tamén aos alcaldes e ás corporacións municipais, "no obxectivo de chamar á comarca a demostrar, como xa fixemos o pasado 10 de marzo, o rexeitamento unánime ás pretensións de venda das nosas centrais hidroeléctricas e esixir á Xunta de Galicia que atenda este clamor colectivo, cumpra a legalidade e desautorice a segregación das actividades", afirman.

Engade o Comité que "sobra dicir que respectar as cláusulas das concesións dos aproveitamentos hidráulicos é a única garantía de salvagardar o interese público e garantir o mantemento do emprego e a actividade das factorías. O contrario significa a desaparición do tecido produtivo máis importante de carácter industrial vinculado á comarca".

Rexistro da convocatoria de folga

Este luns tamén se procedeu ao rexistro da convocatoria de folga na Consellaría de Traballo. O paro desenvolverase das 06:00 horas do 8 de xullo até ás 06:00 horas do día seguinte, afectando deste xeito ás tres quendas completas de traballo, e a todos os centros de Ferroatlántica na Costa da Morte (fábricas de Cee e Dumbría e centrais de Vimianzo e Dumbría). Así mesmo, a folga amplíase a toda a actividade auxiliar que depende de Ferroatlántica.

"Fronte ás ameazas e anuncios da empresa, que cada día sae á palestra cunha proposta máis chapuceira e inverosímil na procura de conseguir respaldo ás súas ilegais intencións, o Comité reitera que calquera plan industrial e de inversións e, polo tanto, a xeración de emprego no futuro, non pode estar supeditado en ningún caso á venta das centrais hidroeléctricas nin á segregación de actividades", apuntan.

Pasividade da Xunta

Neste senso, lamentan a pasividade da Xunta de Galiza por non ter atallado dende o primeiro momento as tentativas do Grupo Villar Mir, e manter durante meses unha posición ambigua, "que só xera inseguridade  entre o conxunto dos traballadores/as e a veciñanza da Costa da Morte. Non vale que o Presidente da Xunta se esconda detrás do labor dos servizos xurídicos para diluír as competencias da administración galega: as cláusulas das concesións son claras: a concesión dos aproveitamentos hidráulicos vinculouse sempre a produción de ferroaliaxes para o mantemento dos postos de traballo".

Lembra o Comité que Ferroatlántica aceptou estas condicións ao adquirir o complexo industrial e os saltos de auga,  aínda que logo iniciase accións xudiciais para lograr a desvinculación, o que derivou nas sentenzas do TSXG e o TS avalando as cláusulas.

"Este novo asalto deixa patente que o Grupo Villar Mir non ten interese en manter o emprego na comarca e só busca tirar beneficio económico, desfacéndose a prezo de saldo dos recursos de todas e todos nós; nun momento no que, ademais, empresas do grupo vinculadas ao sector inmobiliario atravesan graves dificultades económicas e no que se investiga á compañía polo presunto financiamento irregular do PP, o partido político que hoxe ten que na súa man autorizar ou non a venda das centrais", subliñan.