O comité de folga da Xustiza atrasa a xuntanza coa Xunta ao venres pola folga das mulleres do 8 de Marzo

Propón trasladala para o venres 9
Nacional - 07 Mar 2018

O comité de folga, que xa acordara aceptar o convite do conselleiro de Xustiza anunciado no decurso da súa intervención no pleno do parlamento de Galiza, acordou este mércores remitir un escrito en resposta a convocatoria atrasando até o venres a xuntanza para non colidir coa folga das mulleres deste 8 de marzo.

Segundo o comunicado emitido polo comité de folga o acordo foi que “as traballadoras e traballadores da Xustiza, que levamos un mes de folga, non podemos quitar o protagonismo ás mobilizacións das mulleres”.

En todo caso o comité xa anunciou que acudirá a esa xuntanza “con vontade de negociación e diálogo, como fixo sempre até o de agora” e agarda que a representación da Xunta de Galiza a que se referiu o conselleiro non estea encabezada polo director xeral de función pública.

Subliña ademais que mantén a súa postura de que se cumpra co mandato parlamentar e adianta que seguirán coa folga como dereito fundamental das traballadoras e traballadores en defensa das súas reivindicacións laborais.