• Nova

O comité de folga de residencias de terceira idade recorrerá os servizos mínimos impostos pola Xunta

Denuncian a imposibilidade de exercer o dereito á folga e xa recolleron 5.000 sinaturas entre as traballadoras
Nacional - 18 Mar 2022

Máis de 10.000 traballadoras das residencias da terceira idade e centros de día privados verán imposibilitado o seu dereito á folga por mor dos servizos mínimos abusivos –do 100%- decretados pola Xunta de Galiza. Así o denunciou esta mañá, en rolda de prensa, o comité de folga, que compareceu en pleno para anunciar a presentación dun recurso por vulneración de dereitos fundamentais e acusar á administración de deixar nunha situación de indefensión ás traballadoras, o 90% mulleres, ao impedirlles facer uso da principal ferramenta que teñen para reclamar os seus dereitos.

A folga de residencias de terceira idade e centros de día privados comezaba ás 22:00 horas deste xoves pero, tal e como explicou a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, non puido ser secundada polas miles de traballadoras precarizadas que desenvolven a súa actividade neste sector.

A Xunta de Galiza publicaba o decreto de servizos mínimos o mércores, logo do luns terse celebrado unha xuntanza con Política Social na que se comunicaba que estes serían os de exactamente o mesmo número de persoas que traballan nas residencias.

De feito, segundo explicou Fernández, “puxeron en centros residenciais 0,20 persoas traballadoras por usuaria/o, en módulos con persoas con autonomía, e o 0,35 en módulos con persoas destinados a persoas dependentes. Nos centros de día unha persoa por cada 10”.

A secretaria nacional de CIG-Servizos, rexeitou esta decisión e denunciou que as traballadoras levan dous anos sen convenio colectivo e sen o incremento salarial pactado, que tería que se corresponder co IPC e alcanzar, polo tanto, o 6,5%, co agravante de que si comezaron a aplicar esa suba, que é duns 80€/mes, a cada persoa usuaria e que tamén a Xunta de Galiza incrementou nesa porcentaxe a cantidade que destina a estes centros. Por iso cualificou de “repugnante” que as empresas “nin tan sequera actualizaran os salarios”.

Lembrou que o sector de residencias privadas é esencial e que foi creado pola Xunta simplemente “para beneficiar a certas empresas”. De feito considerou que “se este servizo fora público non estariamos falando disto” e sinalou que ademais de haber unha importante diferenza salarial entre as públicas e as privadas, tamén o hai en carga de traballo.

Asegurou que nos centros públicos hai unha ratio maior de traballadoras por número usuarios/as que nos privados, o que se traduce nunha maior carga de traballo nestes centros, e cargou contra os beneficios que con estas prácticas se embolsan. “Estas empresas mafiosas estanse lucrando non só do traballo das traballadoras senón tamén das subas que aplicaron que lles negan ao seu persoal. Isto é repugnante porque se está xogando cos cartos dos usuarios”.

Por iso denunciou a actitude das patronais, AGARTE e ACOLLE, que son as dúas asociacións maioritarias neste convenio colectivo, por facer caso omiso ás demandas e propostas das centrais sindicais e das traballadoras, mais tamén da Xunta de Galiza, por mirar para outro lado e permitir que se dea esta situación.

5.000 sinaturas e medrando

En todo caso, a secretaria nacional de CIG-Servizos anunciou que levan xa recollidas máis de 5.000 sinaturas entre o persoal, ao que están visitando centro por centro para que aínda que non poidan ir á folga, si poidan expresar a súa indignación diante da precariedade que padecen, das condicións salariais e laborais que teñen e diante da imposibilidade de exercer este dereito fundamental.

“Aínda nos faltan moitas até chegar ás 10.000 que hai no país”, sinalou Fernández, “pero así podemos deixar constancia de que están preocupadas polo que está pasando, que si se están involucrando e que tanto a patronal como a Xunta lles impide exercer o seu dereito á folga”.

Con todo, Fernández non quixo deixar pasar a oportunidade de denunciar que “se este sector fose maioritariamente masculino non estariamos nesta situación”. Considerou “indigna” a discriminación por xénero que hai e denunciou que se se dan os baixos salarios que hai é “porque sempre se nos dixo que ás mulleres que temos que coidar”.

 

Por iso concluíu asegurando que “non estamos dispostas a toleralo e as compañeiras están reivindicando os seus dereitos desde os seus postos de traballo, malia estar amordazadas por estes servizos mínimos abusivos”.

O comité ten previsto, en todo caso, desenvolver mobilizacións diante dos centros de traballo nas distintas cidades ao longo dos próximos días.