O comité de folga de Urxencias do Clínico dirixe máis de 10.000 sinaturas ao Presidente da Xunta

Solicitan que se atendan as súas demandas para garantir unha atención digna

Compostela -

Representantes do comité de folga do servizo de Urxencias do hospital Clínico fixeron entrega, esta mañá, de máis de 10.000 sinaturas en apoio ás súas demandas dirixidas ao Presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade.

No escrito presentado no rexistro explícanlle ao Presidente da Xunta como se foi deteriorando nestes últimos anos Urxencias pola falta de “medidas necesarias para manter o servizo adecuadamente actualizado”, a pesar dos constantes avisos e recomendación por parte dos traballadores/as “incumpríndose mesmo as directrices da Inspección de Traballo e mesmo as recomendacións do servizo de Medicina Preventiva do propio Complexo.

Lembran que en 2012 se produciu unha ampliación f´siica do servizo que non se acompañou da correspondente e “prometida” dotación de profesionais, como ocorreu nos últimos meses “cunha nova ampliación do número de cubículos asistenciais que “non trouxo asociada a máis que necesaria asignación de persoal”.

Sinalan que, ademais, isto coincidiu cun momento no que o persoal xa se estaba mobilizando pola excesiva carga asistencial soportada.

Carencias

Denuncian que Urxencias conta con carencias a nivel de recursos, tanto profesionais como materiais que provocan, por unha  banda “a imposibilidade de xestionalo de forma eficaz”. Eentende que a proba diso é que no último ano pasaron xa polos diferentes cargos 2 Coordinadores Médicos –actualmente o cargo está deserto-, 5 supervisoras de enfermería e 2 supervisoras de Área.

Xunto a isto sinalan que hai unha carga asistencial inasumíbel para as/os profesionais que se ven sometidas/os “a un ritmo de traballo estresante e inseguro”, non só para eles senón tamén para as propias usuarias e usuarios, que “impide que poidamos proporcionarlles a óptima calidade na asistencia que nos demandan e que nos gustaría poder ofrecerlles”.

Situacións lamentábeis

Aseguran que estas carencias dan lugar a situación “lamentábeis” que fan que sexa imposíbel “salvagardar dereitos fundamentais dos usuarios/as como, entre outros, o dereito á intimidade ou á confidencialidade”.

A modo de exemplo sinalan que non contan cunha sala para informar a familiares de doentes graves ou mesmo terminais ou para atender a doentes axitados ou agresivos.

Lamentan que malia a capacitación do persoal e o recoñecemento internacional do que gozan se estea agora poñendo en cuestión por mor das limitacións derivadas dos recortes de recursos materiais e humanos. Unha situación que é aínda máis grave do momento en que se puxo en  coñecemento da Xerencia de forma reiterada sen que se adoptaran medidas.

Por todo isto demandan que se atendan as súas demandas para pór fin a unha folga que se iniciou xa o pasado 12 de novembro.

Volver