Convocada folga no servizo de limpeza dos hospitais Gil Casares e Clínico a partir do 21 de decembro

Estudan recorrer os servizos mínimos abusivos decretados pola Xunta de Galiza
Compostela - 14 Dec 2020

O comité da folga da limpeza dos Hospitais Clínico e Gil Casares comparecía esta tarde, de urxencia, en rolda de prensa, para anunciar a súa intención de dar comezo efectivo á folga das 7:00 horas do vindeiro luns día 21 de decembro, até as 7:00 horas do día 24 e das 7:00 horas do día 28 até as 7:00 horas do día 31. O comité cualificou os servizos mínimos decretados pola Xunta de Galiza como “abusivos”; denunciou que, deste xeito, vulnérase o dereito efectivo á folga e anunciou que estudan presentar un recurso.

Na rolda de prensa, na que compareceron representantes da CIG, CCOO, UGT e CUT matizaron ademais que non se trata dunha convocatoria para conquistar nada, senón para que se respecten as condicións laborais existentes e que, lonxe do que se poida pensar, faise esta convocatoria por responsabilidade, para que os cadros de persoal que se enfrontan día a día á covid nos centros hospitalarios atinxidos, estean axeitadamente dimensionadas.

O día 1 de decembro iniciaba a súa actividade como adxudicataria do servizo de limpeza, tanto do Hospital Clínico, como do Gil Casares, a UTE conformada por Illunion Limpieza y Medio Ambiente e Illuniom CEE Limpieza y Medioambiente. Segundo explicou o representante da CIG, Anxo Noceda, xa o 27 de novembro tiñan noticia, polas anteriores adxudicatarias, de que a intención desta UTE era non subrogar, isto é despedir, a 8 traballadoras, ademais de non dar continuidade a 24 contratos eventuais, malia estaren incluídos nos cuadrantes de traballo previstos para este mes.

Xuntanza coa empresa

Diante desta situación acordouse a convocatoria de folga á que respondeu a UTE cunha chamada para unha xuntanza co comité de folga, que tivo lugar o día 3 de decembro pola tarde. Unha reunión no decurso da que, segundo Noceda, “quedou evidenciado que os despedimentos de traballadoras eran só unha parte das pretensións da empresa”.

O representante da CIG explicou ademais que nesta xuntanza tamén se confirma que “no canto de subrogar ás traballadoras, á UTE vaino facer a unha das empresas integrantes da mesma” e que a súa intención é que neste centro de traballo coexistan dúas empresa, “xa que ao novo persoal pretenden contratalo indistintamente polas diferentes empresas que conforman a UTE”.

Ademais desde a UTE non se comprometeron, nin confirmaron o cumprimento dos diferentes acordos existentes neste centro de traballo, nin cos requirimentos da Inspección de Traballo de dimensionamento de cadro de persoal e procedementos para a contratación da mesma. “A empresa non se comprometeu nin a efectivizar as cinco contratacións indefinidas requiridas pola Inspección, nin a ultimar a posta en marcha da bolsa de traballo acordada no seu momento no AGA”.

Protocolos covid

Noceda denunciou ademais que para a empresa sustentar o seu proceder “argumentou un suposto sobredimensionamento do cadro de persoal, que non se corresponde coa realidade”. Fronte a isto lembrou que as centrais sindicais con presenza nos comités de empresa do conxunto do complexo hospitalario, xa no mes de xuño, cando se fixeron públicos os pregos de licitación, denunciaron publicamente e demandaron da Xerencia da Área Sanitaria a revisión dos pregos para adaptalos, por unha banda, aos requirimentos que xa daquela estaba facendo a Inspección para o redimensionamento do cadro de persoal e ademais que os mencionados pregos recollesen e se adaptasen ao incremento das frecuencias de limpeza por mor dos protocolos covid.

“Xerencia e Xunta de Galiza fixeron oídos xordos a esta demanda. Sorprende que en plena pandemia tanto para a Xerencia como para a empresa se fagan valoracións das que se pode deducir que o cadro de persoal preciso e necesario en plena pandemia tería que ser mesmo inferior ao existente con anterioridade á declaración do estado de alarma”, advertiu Noceda.

Neste sentido considerou rechamante que por parte da Xunta de Galiza “se xustifiquen uns servizos mínimos abusivos coa pandemia mentres que a efectos da contratación de persoal e da dotación de recursos non se teña en conta para nada a situación de emerxencia sanitaria na que estamos inmersos”.

Ao tempo, denunciou que “o premio” que se lle dá ás traballadoras e traballadores que “foron e son primeira liña de loita contra a covid sexa o seu despedimento e menosprezo ao labor desenvolvido”.

Precarización das condicións laborais

Alén disto Noceda denunciou o feito de que se pretenda xustificar esta situación polo labor social que supostamente ten encomendada unha das empresas que conforma a UTE, Illunion CEE. Un labor social “máis que cuestionable” do momento no que “so pretexto de favorecer a inserción laboral de persoas con diversidade funcional, o único que se está a facer é precarizar as condicións laborais xustamente destas persoas”.

Como exemplo apuntou que, na actualidade, esta contrata xa conta con preto dun 20% de persoas con discapacidades que foron directamente contratadas pola adxudicataria e ás que se lle aplica o convenio colectivo da limpeza do CHUS, “como non podía ser menos”, matizou Noceda.

Porén, advertiu  que o que pretende a nova adxudicataria é contratar ás persoas con discapacidade por medio dun Centro Especial de Emprego, cando menos cun triplo obxectivo: recibir as subvencións e bonificacións pola natureza da empresa; fuxir do control da representación sindical, xa que estarían contratadas por unha empresa distinta, e moi probablemente, “tal e como fixeron no Hospital Provincial de Conxo, aplicarlle condicións laborais significativamente inferiores ás do resto do persoal e cunha eventualidade escandalosa”.

Por iso denunciou que “lonxe desa pretendida inserción laboral o único transfondo é un aforro de custos para situarse en mellor posición de mercado que as empresas que están contratando tamén a traballadoras con discapacidade conforme ao establecido no convenio deste centro de traballo”.

Salientou que desta situación é perfectamente coñecedora a Xerencia da área de Compostela por transmisións tanto verbais como escritas desde principios deste ano. Noceda concluíu que se a Xunta de Galiza o que ten é un problema orzamentario para a asunción dos custos que se derivan da limpeza hospitalaria, máxime nunha época de pandemia como na que estamos, “ten ao seu alcance recursos ben distintos aos despedimentos e a aproveitarse do persoal rebaixando as súas condicións laborais”. Mesmo o Consello de Contas de Galiza “venlle recomendando cando menos desde 2015, que non sería outra que a reversión, internalización do servizo de limpeza”.