O comité de folga dos PAC denuncia a presión á que está sendo sometido o persoal sanitario

En Vigo padecen xornadas abusivas con só 12 horas de descanso entre quendas de 17 horas ou máis
Vigo - 05 Dec 2018

O comité de folga dos PAC, que desenvolve paros de 24 horas todos os martes, venres e domingos até o 17 de decembro para reclamar melloras na atención ao usuario/a e nas súas condicións laborais, vén de denunciar a presión á que está sendo sometido o persoal sanitario por parte da Xerencia da EOXI de Vigo mediante o axuste de calendarios con xornadas abusivas e continuadas no tempo, “algunhas delas con tan só 12 horas de descanso entre quendas de 17 horas ou máis”.

Segundo explican, estas xornadas impostas imposibilitan a conciliación laboral por parte das persoas que son obrigadas a asumir estes novos calendarios, tendo que traballar en días que libraban por calendario. “Isto é aínda máis grave tendo en conta as datas nas que estamos, nas que os fillos/as teñen vacacións e hai persoal que non pode planificar as festas familiares porque non sabe se terá que traballar no último momento”, sinalan. 

Consideran que a OPE do ano que vén é insuficiente, xa que contempla 54 prazas de persoal médico para toda Galiza cando só en Vigo se xubilan 35

Ao mesmo tempo, consideran que a necesidade de persoal sanitario, nomeadamente persoal médico, contrasta coas “ridículas” prazas que se sacan para a Oferta Pública de Emprego (OPE) do vindeiro ano. Por exemplo, a convocatoria será de 54 prazas en total para toda Galiza, cando só en Vigo se van xubilar 35 médicos/as de familia, “polo que resulta obvio que unha vez máis será insuficiente, sobre todo cando levamos con saldo negativo desde que se impuxo a taxa de reposición”. Por iso aseguran que “isto non é unha OPE, é outra tomadura de pelo”.

Situación insostíbel en Vigo

Con respecto á situación concreta da área sanitaria de Vigo advirten que se está a volver “insostíbel”, xa que están intentando solucionar a necesidade de persoal médico co aumento de horas ao persoal do PAC, “eliminando permisos, vivindo coa incerteza de como e cando van ter que ir traballar ou se novamente terán que prolongar porque non hai ninguén que cubra a seguinte quenda de traballo”.

Tamén fan fincapé en que persoal de consultas de Atención Primaria non está moito mellor: listas de agarda interminábeis, un número de doentes que nalgunha ocasión ten superado os 70, asunción de doentes doutros cupos por ausencias previstas e non cubertas, etc.

A última idea desta Xerencia é que os e as residentes de familia de cuarto ano fagan traballo como adxuntos/as nalgún PAC para paliar a inoperancia dos servizos de recursos humanos, solución que rexeita este colectivo que está a rematar a súa formación. Esta é a forma que teñen de convencelos/as para que se queden a traballar nesta área”, censuran.