O comité de Galicia Téxtil pide a intervención da Xunta e que revise a concesión do salto de auga se a empresa mantén o ERE de extinción

O persoal mobilizarase este venres

Ferrol -

O comité de Galicia Téxtil vai solicitar unha reunión urxente coa Consellaría de Economía para demandar a intervención da Xunta ante o despedimento colectivo formulado pola dirección, tendo en conta que o Goberno galego dispón das competencias en materia de industria e que empresa goza da concesión pública para a explotación do salto de auga do río Xuvia.

A representación do persoal agarda que o conselleiro teña a mesma celeridade para atender a petición de reunión "que para publicitar a empresa no ano 2015 como un exemplo de modernización". Demandan do conselleiro que actúe na busca de solucións que afiancen o proxecto industrial, mantendo os postos de traballo e a actividade produtiva na factoría de Neda. Neste senso chaman a atención sobre o feito de que permitir que a empresa leve adiante o ERE extintivo para 20 dos seus 36 traballadores e traballadoras, afondaría na destrución do tecido produtivo dunha comarca tan deprimida como Ferrolterra.

Compromiso co emprego e a continuidade industrial

Dende a representación social instan o Goberno galego a revisar a concesión do salto da presa do Rei que dende hai anos explota Galicia Téxtil, "pois non se pode consentir que a empresa se beneficie dun recurso natural de todas as galegas e galegos" ao tempo que destrúe emprego. Gozar dese dereito, engaden, debe ter como contrapartida un compromiso firme e decidido da empresa co mantemento e creación de emprego nesta factoría.

Polo tanto, “se a empresa non fai o preciso para garantir a viabilidade industrial e a continuidade produtiva e dos postos de traballo, a Xunta ten que revisar a concesión”.

Os traballadores e as traballadoras iniciarán mobilizacións este venres se a empresa "non retira o ERE e accede a estudar outras medidas menos dramáticas e máis xustas co persoal", moito do cal ten desenvolvido toda a súa vida laboral nesta fábrica.

A este respecto, o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco Xabier Cartelle, explica que a representación social transmitíuselle a necesidade de contar cun plan de futuro e propuxéronse outro tipo de medidas menos traumáticas, como unha regulación temporal, á expectativa de afianzar o cambio de modelo que quere a empresa e ir reincorporando o persoal nese proceso, máis tendo en conta que o cadro de persoal actual xa se considera escaso logo do acordo de prexubilacións do ano 2019.

Volver