O Comité de Hércules de Armamento rexistra unha moción en defensa dos empregos e a actividade industrial
No texto rexistrado este mércores, o Comité explica que as/os empregados/as da fábrica sofren impagos e atrasos no cobro dos salarios, ao tempo que Hércules de Armamento está a ter grandes dificultades para a posta en marcha do proxecto industrial co que gañou o concurso para a xestión das instalacións de Pedralonga. De xeito que “o futuro da actividade produtiva e dos 155 postos de traballo segue cheo de incertezas”.
Á vista da situación, o Comité solicita un acordo do Pleno do Concello para que inste á Xunta de Galiza, así como á administración central, a desenvolver todas as accións necesarias para garantir o mantemento da produción e dos empregos na fábrica de armas.
De igual xeito, demándase do Concello que promova unha reunión conxunta da representación do cadro de persoal, Dirección da Empresa, Ministerio de Defensa, Delegación do Goberno en Galiza, Conselleiro de Economía, Emprego e Industria e Alcalde do Concello da Coruña, para abordar a situación e a coordinación das actuacións precisas que garantan o futuro e a viabilidade da fábrica.
Os traballadores e traballadoras xa solicitaran en decembro de 2015 unha xuntanza de similares características, mais a reunión nunca se chegou a producir.