O comité de Industrias Losán reclámalle á Xunta e á SEPI unha reunión urxente para abordar o futuro da fábrica de Curtis

Consideran inaceptábel a falta de información ante o fracaso da dirección no seu ‘Plan A’ de reestruturación
Curtis - 13 Mar 2026

O comité de Industrias Losán solicitoulle formalmente á Xunta de Galiza e á SEPI a convocatoria urxente dunha reunión institucional para abordar o futuro da planta de Curtis. A representación das persoas traballadoras considera inaceptábel a falta de información existente tras o fracaso do denominado ‘Plan A’ de reestruturación do Grupo Losán, que contemplaba a entrada dun investidor para recuperar a actividade industrial e facer fronte ás débedas salariais pendentes.

Segundo denuncia o comité, a dirección da compañía trasladou a existencia dun ‘Plan B’, pero sen explicar o seu contido, viabilidade ou prazos de execución, “o que está xerando unha profunda incerteza entre o cadro de persoal e na comarca·.

Lembran que a planta de Curtis ten un papel fundamental no emprego industrial da zona e no tecido produtivo vinculado ao sector forestal galego. Por este motivo, consideran imprescindíbel que as administracións públicas se impliquen activamente na busca dunha solución.

Con esta fin, a representación das persoas traballadoras solicita a creación dunha mesa de traballo na que participen a Xunta de Galiza, a SEPI, o IGAPE, a dirección da empresa, as alcaldías de Curtis e Vilasantar e o propio comité.

“O obxectivo desta reunión sería analizar con transparencia a situación económica da compañía, coñecer os plans reais da dirección e estudar un plan de viabilidade que permita garantir a continuidade da actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo”, explican.

Advirten de que a falta de solucións pode ter un forte impacto social e económico na comarca, polo que reclama responsabilidade e implicación institucional para preservar o emprego e o futuro industrial da zona.