O comité de Industrias Losán compareceu este martes en rolda de prensa para advertir da incerteza do persoal diante dos plan de reestruturación presentados pola empresa ao xulgado do mercantil. Unha documentación que, sinalan, coñecen de maneira parcial xa que a compañía non lla facilitou, pero que semella máis un plan de reestruturación da débeda “para a salvagarda do patrimonio da propiedade” que un plan de viabilidade que permita reactivar as plantas, con garantía de emprego, carga de traballo e abono dos salarios.
O presidente do comité, Xosé Anxo Sánchez, apuntou que a intención de Losán é acadar unha quita cos acredores do 95% (ou do 100% nalgúns casos), unha carencia de pago a tres anos da débeda pública e a activación da produción nas fábricas mais sen concretar como nin en que prazos. Faino ademais cunha previsión de facturación para 2026 cando menos dubidosa, pois para a planta de Curtis marca os 11 millóns de euros “cando, en pleno mes de xuño, non estamos traballando nin se produciu en ningún momento deste ano”.
Para pór en contexto estes datos, Sánchez sinalou que, segundo a empresa, no ano 2025 coas instalacións traballando menos do 50%, a facturación foi duns 8 millóns de euros. “Non sabemos de onde saen eses 11 millóns de euros”, incidiu.
A empresa debe catro nóminas e media
Alertou que, no plan remitido ao mercantil, non existe un esquema de viabilidade real, tal e como o persoal leva meses reclamando, que clarifique as actividades de cada planta, o proceso de reactivación, como se vai vender (tendo en conta que na actualidade non existe rede comercial), que tipo de produto se fabricará ou se o grupo contempla outro tipo de medidas laborais como ERE ou ERTE.
“A empresa di que queren retomara actividade industrial en breve. Neste momento, débennos catro nóminas e media, e o que nos formula é o pago dun par de salarios, empezar a actividade debéndonos mensualidades e que acudamos traballar sen garantías de cobrar, arrastrando impagos mes tras mes. Se non se factura, non se cobra”, rexeitou o comité.
Logo de meses de incerteza, estes plans de Losán debuxan un futuro “bastante desolador” para o persoal, a quen a empresa recoñece a débeda salarial pero non aclara cando e como se abonará, e que se sente utilizado pola dirección como moeda de cambio en todo este proceso.
Tampouco axuda que a dirección asegure ter patrimonio para afrontar determinados gastos pero non para pagar os soldos, que deixe fóra liñas de negocio puxantes como a venda de madeira de eucalipto, ou que na catastrófica situación actual contemple pasar das 490 persoas traballadoras a máis de 600 nos próximos dous anos, no conxunto das plantas do Estado. “Como poden contratar xente cando deben nóminas. Sería unha revolución, un novo modelo industrial de contratar sen pagar”, ironizou.
Xuntanza con todas as partes para buscar solucións
Segundo puido coñecer o comité, o plan de reestruturación non conta co aval nin dos bancos nin de Xesgalicia, hai varios procesos xudiciais xa abertos fóra de Galiza e previsibelmente haberá impugnacións de acredores minoritarios ao proxecto.
Nestas preocupantes circunstancias, o comité reiterou o chamado ás administracións públicas, nomeadamente á Xunta de Galiza, para que a través da Consellaría de Industria convoque de urxencia unha xuntanza con todas as partes implicadas (incluída a SEPI e a propia representación social) co obxectivo de buscar alternativas, “porque comprobamos que os plans da empresa non van destinados a salvagardar o emprego e a actividade industrial”.
Lembrou Sánchez que Industrias Losán en Curtis, Aserpal en Vilasantar e as oficinas da centrais da Coruña contan con preto de 200 traballadoras e traballadores “que viven nun futuro incerto” e que Losán foi o segundo grupo madeireiro máis importante do Estado por detrás de Finsa. “No ano 2022, baten récord de facturación, piden un rescate á SEPI de 35 millóns e a partir de aí empezaron os problemas”.
O representante do persoal apuntou que a Xunta está deseñando un plan estratéxico forestal, polo que considerou inaudito que se deixara caer unha industria que xa existe e que xera ducias de emprego no rural. “Non pedimos que a administración cargue con este problema, senón que contribúa a achegar solucións, incluso na entrada de investidores interesados, que permitan activar as plantas, dotalas de carga de traballo e garantir os postos de traballo e a viabilidade”, concluíu.