O comité de Maderas Iglesias agardará até xuño por un plan de viabilidade sempre que a empresa cumpra unha serie de condicións

Terá que abonar os salarios en tempo, garantir que o ERE sexa equitativo e non vender maquinaria
O Porriño - 23 Feb 2018

O comité de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación crítica, está disposto a darlle unha marxe de confianza á dirección e agardará até o mes de xuño para que presente un plan de viabilidade, sempre que cumpra unha serie de condicións: abonar os salarios en tempo, garantir que o ERE sexa equitativo e non vender maquinaria. A proposta da compañía, que conta co apoio da Administración, foille trasladada hoxe á representación do cadro de persoal durante a xuntanza celebrada na sede do Igape en Santiago.

A dirección de Maderas Iglesias trasladou durante a reunión que precisa até o mes de xuño, data na que remata o ERE, para elaborar un plan de viabilidade que garanta a continuidade da empresa. 

O comité esperará 15 días para ver se a empresa ten vontade de cumprir o pactado

A proposta, que conta co beneplácito da Xunta, foi aceptada polo comité sempre e cando a compañía manteña o pago de salarios ao día (xa liquidou as débedas pendentes cos traballadores/as, a excepción da paga extra de decembro), que o ERE sexa equitativo e que a empresa non aproveite para vender maquinaria ou para desmantelar as instalacións. De feito, acordouse que antes de tomar calquera decisión nese senso deberá comunicarllo aos traballadores/as.

Con todo, o comité fixouse un prazo de 15 días para comprobar se a compañía ten vontade de cumprir a proposta e para abordar coa Administración o cumprimento das condicións do ERE. No caso de que Maderas Iglesias non cumpra estritamente co establecido na xuntanza celebrada hoxe na sede do Igape en Santiago, a representación do cadro de persoal apostará por propoñer a convocatoria de novas mobilizacións.