O comité de Maderas Iglesias insta a Xunta a evitar a liquidación da empresa e a perda dos postos de traballo

Está a intensificar as xestións institucionais ante a saída a poxa xudicial dos terreos do Porriño
O Porriño - 22 Set 2020

O comité de Maderas Iglesias, empresa dedicada á fabricación de tarima flotante con sede no Porriño, insta a Xunta a evitar a liquidación da compañía e a perda de 148 postos de traballo ante a inminente saída a poxa dos terreos por orde dun xulgado porriñés.

A representación do cadro de persoal, presidida pola CIG, está a intensificar as xestións institucionais nos últimos días co obxectivo de facer unha fronte común que permita atopar unha solución á grave crise que atravesa a empresa dende hai anos. 

Estamos diante da última oportunidade, porque a poxa dos terreos sería o fin da empresa

As traballadoras/es celebraron unha asemblea a semana pasada na que decidiron contactar cos alcaldes das localidades afectadas. Até o de agora xa mantiveron encontros cos rexedores do Porriño, Mos e Salvaterra, mentres que mañá está prevista unha reunión co de Ponteareas.

Ao mesmo tempo, a alcaldesa do Porriño comprometeuse a remitirlle unha carta aos rexedores de todas as vilas nas que viven empregados/as de Maderas Iglesias, mentres que a alcaldesa de Mos se ofreceu para xestionar unha xuntanza co conselleiro de Industria. A representación do persoal tamén está pendente dunha xuntanza co Igape na que tamén participará a empresa, aínda que con toda probabilidade non se celebrará até a semana que vén.

“Non podemos perder máis tempo, porque no caso de que os terreos saian a subasta, tal e como ordenou o Xulgado de Instrución número 3 do Porriño, a empresa iría á liquidación”, sinalan dende o comité. Por iso, a única solución posíbel que permitiría o mantemento da actividade pasa ben por que a empresa chegue a un acordo coas entidades financeiras coas que mantén importantes débedas ben porque apareza un inversor interesado na adquisición da compañía.

“A Xunta comprometérase a axilizar a busca dunha posíbel solución, pero vemos que pasa o tempo e seguimos igual; agora estamos diante da última oportunidade, porque a poxa dos terreos sería o fin da empresa”, rematan.