O comité de Navantia pide unha negociación real do Plan de Empresa e que se aseguren os investimentos
O comité de Navantia reuniuse no día de onte co Delegado do Goberno en Galiza para trasladarlle ás principais demandas e posicións de cara á negociación do Plan de Empresa. O encontro enmárcase na rolda de contactos institucionais que a representación dos estaleiros está a realizar ante a “falta de vontade real de diálogo por parte da presidencia da compañía” e das explicacións superficiais de dito proxecto.
O comité insistiu na necesidade de que o Plan de Empresa sexa obxecto dunha negociación “auténtica e exhaustiva, e rexeitan que a dirección pretenda que a representación social lle subscriba “unha especial de plan operativo indefinido a catro anos, con información ambigua, sen detalle ningún sobre investimentos e deixando fóra cuestións esenciais como a estrutura e estabilidade do emprego”.
Neste senso, reiteraron a transcendencia estratéxica de asegurar uns investimentos “que levamos décadas reclamando”, como os diques de nova construción e de carenas; a carencia de expectativas industriais para Fene, que continúa sen produto propio nin incorporacións de persoal que fagan viábel o seu futuro; a falta de proxectos que diversifiquen a súa actividade; e a incerteza existente arredor da área de Turbinas. Tamén lle lembraron ao delegado do Goberno español que a desaparición das gradas de Fene non foi compensada con capacidade equivalente en construción naval civil e militar, ao contrario do acontecido, noutros centros de Navantia onde si se reforzou esa actividade.
A sección sindical da CIG en Navantia incidiu na importancia de non deixar pasar esta oportunidade “outra vez” e conseguir que se concreten e consignen todos os investimentos que garantan o futuro dos estaleiros da ría de Ferrol.
Dependencia excesiva da subcontratación
O comité trasladou a súa preocupación pola sobrerepresentación e dependencia excesiva da subcontratación, tanto en Fene como en Ferrol, subliñando que este “é o momento idóneo para estabelecer límites e recuperar o coñecemento técnico propio, que sempre constituíu unha marca distintiva e un valor engadido de Navantia”. Poñen en valor a necesidade de recuperar a capacidade de construír zonas do buque de maneira directa e sen a dependencia da industria colaboradora.
E sobre a situación desta última, sumáronse á petición de axilidade na negociación do convenio de siderometalurxia da provincia “fundamental para garantir dereitos e estabilidade laboral e que se reflexen tamén en dito Plan”.
Incumprimentos no convenio colectivo
Durante o encontro, o comité tamén denuncio que tras anos de complexa negociación e de ser ratificado, a dirección “non está a permitir cumprir o artigo do contrato de relevo xa que non se pon enriba da mesa o emprego necesario. Se non temos emprego as compañeiras e compañeiros non poder exercer o seu dereito recollido en convenio e non se poder incorporar o cadro de persoal novo talento”.
Finalmente, o comité insistiu na importancia de non desaproveitar esta negociación, que podería consolidar o futuro industrial, económico e social da comarca de Ferrol durante moitas décadas. Ademais, lembráronlle ao delegado do Goberno que, como máxima autoridade estatal en Galiza, “estas reivindicacións non poden quedar desatendidas nin relegadas”.
Dentro da rolda de contactos, a representación do persoal de Navantia xa pediu tamén reunións coa Xunta de Galiza e coa mancomunidade, “co propósito de seguir esixindo o respaldo institucional necesario para apoiar unhas reivindicacións xustas e plenamente fundamentadas, que vimos defendendo desde hai xa demasiado tempo”.