O comité de Navantia trasládalle as reivindicacións sobre o convenio e o plan industrial ao Delegado do Goberno

Ferrol - 22 Mai 2024

O pasado luns, os comités de Navantia Ferrol e Fene mantiveron unha reunión co Delegado do Goberno na Galiza para abordar a falta de avances na negociación do convenio colectivo e que non se estea a negociar o plan estratéxico. Na súa condición de representante do Goberno español, demandáronlle que realizara as xestións oportunas para axilizar a negociación do convenio (que se iniciou hai xa dous anos) e que tomara postura ante as promesas feitas polo Executivo en campaña electoral.

A primeira promesa, sinala Marcelino Amado, secretario do comité de Navantia Ferrol e delegado da CIG, foi negociar o propio plan e, dentro deste, comprometéronse toda unha serie de investimentos "tan importantes como o novo dique -formulando incluso a Ministra de Facenda a construción dun segundo dique para Carenas-, e a creación de emprego".

Amado denunciou que das 1.500 incorporacións anunciadas polo presidente Pedro Sánchez hai máis dun ano, a diferenza da Baía de Cádiz e Cartaxena, en Ferrol aínda non se comezaron a materializar. "Non se fixeron as incorporacións previstas no anterior plan e non hai previsión para esas novas que anunciou Sánchez", salientou.

Na reunión co Delegado do Goberno tamén se puxo enriba da mesa a necesidade de dotar de máis carga de traballo os estaleiros da ría, xa que a construción das fragatas F-110 non é suficiente para paliar a subactividade. "En campaña electoral prometeron un BAC, e sabemos que se está traballando nel pero de forma moi lenta e sen dotalo dentro dos Orzamentos Xerais do Estado", advertiu.

Pola súa banda, o Delegado comprometeuse a levar estas reivindicacións aos ministerios correspondentes.

Este encontro forma parte das accións acordadas para impulsar a negociación do convenio colectivo e o plan industrial, e para a xornada deste xoves 23, coincidindo coa reunión do convenio, está programada unha manifestación dende o estaleiro de Ferrol até a rotonda do Diapasón.

Á espera do que resulte das reunións previstas coa empresa, nas próximas semanas celebraranse asembleas de traballadoras e traballadores para acordar novas accións a desenvolver.