O comité de Noa denuncia a estratexia de Malasa para desmantelar a factoría e avanzar na precarización

Está trasladando persoal a Cerceda e comunicándolle a outro a modificación das súas condicións
Ferrol - 29 Nov 2019

O comité de Noa Madera Creativa (Fene) quere denunciar a estratexia do Grupo Malasa, propietario da empresa desde 2018, de desmantelamento paulatino das instalacións de Vilar do Colo e de precarización das condicións laborais.

Lembran que hai pouco máis de un ano, e tan só uns meses despois de ter mercado Noa, Malasa intentou levar adiante, alegando causas económicas, un ERE extintivo que ía supor o despedimento de preto de 100 persoas. Finalmente, grazas á mobilización e á imposibilidade de xustificar a regulación (Noa viña de bater o seu récord de beneficios) o ERE non frutificou.

Noa Madera Creativa dá emprego a 200 persoas nas instalacións que ten en Fene

Malia todo, advirte o comité, Malasa mudou de estratexia e optou por levar adiante despedimentos individuais e non renovar contratos eventuais, substituíndoos por persoal contratado a través de empresas de traballo temporal.

Hai uns días a prensa facíase eco de que Noa era unha das empresas galegas que experimentaran un maior crecemento. Así mesmo, Noa vai a inaugurar en breve unha nova factoría en Querétaro, México, na que vai a empregar a unhas 300 persoas.

"Pois ben, estes días moitos traballadores e traballadoras de Noa están a recibir cartas nas que se lles informa que, debido á mala situación económica pola que está a pasar a empresa, as súas condicións laborais van a ser modificadas, mentres outras están sendo trasladadas ás instalacións que o Grupo Malasa ten en Cerceda. Cómo casa isto?", pregúntanse dende o comité.

Cómpre lembrar que Noa dá emprego a 200 persoas nas instalacións que ten en Vilar do Colo, nunha comarca que non se pode permitir seguir perdendo centros de traballo.

"No comité de Noa coñecemos ben ao Grupo Malasa e a precariedade na que se atopa a maior parte do seu cadro de persoal malia traballar para marcas de recoñecido prestixio como a galega Inditex ou a alemá Adidas, e faremos todo o posíbel para conservar os postos de traballo e defender as nosas condicións laborais".