O comité de Noa Madera Creativa solicita reunións coa Corporación de Fene e con Industria

A raíz desta rolda de contactos, o BNG presentou pregunta no Congreso sobre os expedientes de regulación

Fene -

O comité de Noa Madera Creativa solicitou manter reunións cos grupos da Corporación municipal de Fene para demandarlles que se sumen ás reivindicacións dos traballadoras e das traballadoras na defensa dos empregos e pola continuidade da actividade na fábrica do polígono de Vilar do Colo. Estes contactos forman parte das accións que o comité está a desenvolver logo de que o Grupo Malasa anunciara un ERE de extinción para a metade do cadro de persoal (78 persoas) e un ERE temporal de 15 meses de duración para o resto (outras 78 persoas).

De igual xeito, o comité xa ten pedida unha reunión co conselleiro de Emprego e Industria, Francisco Conde, pois a Xunta ten plenas competencias nestas materias.

Neste marco, o comité xa se dirixiu ao BNG para trasladar a súa preocupación polas medidas anunciadas, motivo polo cal a formación nacionalista, a través de Néstor Rego, vén de rexistrar unha pregunta no Congreso dos Deputados e Deputadas a respecto dos expedientes de regulación presentados por Noa Madera Creativa e sobre a vixilancia que o Goberno español está a facer sobre as empresas que, como o Grupo Malasa, pretenden aproveitar a emerxencia sanitaria para afondar nos recortes laborais e salariais e desfacerse de maneira barata do seu persoal.

Neste caso ademais "dándose a circunstancia de que os traballadores e as traballadoras de Noa son, dentro do grupo empresarial, os únicos que contan con representación legal,  cuns dereitos e unha antigüidade recoñecidos, e con capacidade de dar resposta á precarización e explotación tan habituais noutros centros de traballo de Malasa", salientan.

Unha vez máis, desde o Comité "queremos deixar claro que non compartimos a decisión da empresa e que imos levar adiante todas cantas accións legais e sociais sexan precisas para evitar que a dirección de Malasa atente contra os nosos empregos, algo que levan intentando desde que se fixeron coa propiedade de Noa".

Así mesmo, unha vez que a empresa  nos facilite a documentación onde se concreten as supostas motivacións deste ERE e do ERTE, manterán reunión co propio Néstor Rego e estase á espera de confirmar xuntanza cos grupos políticos con representación no Concello de Fene.

Volver