O comité de persoal do Concello de Vigo mobilízase contra o desmantelamento dos servizos públicos

A representación sindical denuncia a “caótica xestión” municipal en materia de recursos humanos

Vigo -

O comité de persoal do Concello de Vigo desenvolveu hoxe unha concentración ás portas do consistorio para denunciar o proceso de desmantelamento dos servizos públicos como consecuencia da “caótica xestión” en materia de recursos humanos por parte do Goberno local. Durante a protesta, na que participou o secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, reclamouse a dimisión da conselleira responsábel do persoal municipal, Elena Espinosa.

Dende a representación dos traballadores/as sinalan que esta situación veuse agravada “de maneira moi significativa” desde o inicio do presente mandato corporativo coa designación de Espinosa á fronte da Concellería de Economía, Seguridade e Organización Municipal.

Acusan a actual responsábel de recursos humanos de amosar unha constante actitude de desprezo ao comité, “facendo gala dunha inxustificábel ausencia das máis elementais regras de cortesía institucional ante o máximo órgano de representación das traballadoras/es do Concello de Vigo”.

Lembran que no mes de febreiro solicitaron unha reunión co alcalde para expresarlle as inquedanzas do comité en relación ao colapso dos servizos públicos, “reunión que reiteramos a semana pasada de xeito urxente, mais non obtivemos resposta”.

É por iso que optaron por facer públicas as deficiencias na xestión de recursos humanos “que precarizan o traballo das empregadas/os do Concello de Vigo e, en consecuencia, provocan a privatización dos servizos públicos”.

Colapso da xestión municipal

Unhas das principais eivas é falta xeneralizada de persoal en todos os servizos municipais, até o punto de que non se cobran, sequera temporalmente, ningún tipo de baixa laboral, nin tampouco as ausencias do persoal municipal como consecuencia das súas vacacións, das excedencias recoñecidas, do goce dos distintos permisos regulamentarios establecidos, etc. “Esta situación provoca, á súa vez, unha frecuente vulneración dos dereitos estatutarios das persoas traballadoras, dereitos que en non poucas ocasións son denegados, suspendidos ou limitados, como acontece cos permisos de conciliación, as vacacións ou asuntos propios”.

Esta insuficiencia de medios humanos, ademais, tradúcese nunha deficiente ou nula prestación do servizo á cidadanía, cando menos de acordo aos máis elementais estándares de calidade que se esperan dunha Administración pública.

Critican que a dirección da área de recursos humanos está desaparecida na súa xestión. “Obvia emitir ningunha sorte de criterios e directrices de actuación, deixando a cada servizo á súa propia improvisación na interpretación das normas, o que provoca, ademais dun caos organizativo endémico, tratos diferenciados ao persoal segundo ao servizo ao que pertenzan”.

Tamén poñen sobre a mesa o feito de que unha parte do persoal municipal ten pendente de pendentes de pago distintos conceptos retributivos, “e con varios anos de atraso”.

Finalmente, esixen a elaboración inmediata dun plan de continuidade vinculado á crise sanitaria da covid, tal e como establece o Ministerio de Sanidade para todas as empresas, que ten que ser negociado cos axentes sindicais.

Desmantelamento dos servizos públicos

Dende a representación sindical sinalan unha serie de factores que estarían detrás deste proceso, como o feito de que non se executaran aínda as Ofertas de Emprego Público (OEP) dos anos 2014/15/16/17/18/19, e que sigan sen negociarse a do 2020.

Tamén poñen o acento no proceso “imparábel e expansivo” de privatización/externalización dos servizos públicos, e no feito de que o parque móbil dependente dos servizos exteriores conta cunha frota de vehículos na que os camións teñen unha media de 35 anos.

Ademais, fan fincapé en que a meirande parte das instalacións municipais son “inadecuadas e obsoletas”, incumprindo coa normativa aplicable en determinados casos. “É o caso, entre outros, do parque central, que dous anos despois do incendio sufrido segue nas mesmas condicións, ou do parque de bombeiros de Balaídos, as instalacións da Xefatura da Policía local e o edificio central (que segue sen plan de autoprotección e sen que se realicen os preceptivos simulacros anuais que indica a lei ante as graves deficiencias de seguridade que presenta)”.

En consecuencia, veñen demandando a creación dunha empresa municipal pública de servizos, “sen obter resposta algunha por parte das autoridades municipais”.

Outra das cuestións que censuran do Goberno local ten que ver co incumprimento reiterado das resolucións xudiciais, tanto no ámbito laboral como funcionarial, en materias como a suspensión ilegal dos descansos regulamentarios dos bombeiros, a obriga de abono e actualización do valor das horas extras, a obrigatoriedade da aplicación da Lei de Función Pública de Galiza de 2015 no relativo a permisos e licenzas, así como outras sentenzas sobre acoso laboral na Policía local ou as referidas ao pago directo da Seguridade Social.

Neste senso, aclaran que moitos despedimentos declarados improcedentes ou nulos pola xurisdición laboral precisan ser obxecto de regularización, consonte aos diversos pronunciamentos do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, mediante a aplicación da lei de Función Pública e a través da realización de procesos de consolidación do persoal declarado indefinido por sentenza.

Ademais, lembran que se atopa pendente de atención e resposta a solicitude de información, xa requirida en varias ocasións, referida ás contías aboadas polo Concello de Vigo en concepto de indemnizacións por despedimentos improcedentes e nulos así como sobre calquera outro pago realizado por este motivo nos últimos anos.

Po outra banda, indican que o capítulo I dos orzamentos vixentes non se axusta ás necesidades reais do gasto imputábel ao cadro de persoal. “é dicir, non está dotado en contía suficiente para atender o gasto xerado polo cadro de persoal vixente nin moito menos tras a incorporación de persoal de novo ingreso unha vez se cubran as vacantes existentes. Isto comporta a tramitación de constantes modificacións de crédito e amortización de prazas (en claro fraude de lei), co consecuente desmantelamento dos servizos municipais”.

Normalizar as relacións co comité

No que ten que ver coas relacións institucionais coa representación legal dos traballadores/as, denuncian a ausencia dunha relación “fluída, constante e construtiva” para abordar calquera tipo de negociación.

Nesta liña, solicitan a negociación dun novo acordo regulador e dun convenio laboral, xa que os vixentes datan do ano 1999 e atópanse prorrogados. “Presentamos unha proposta hai máis dous anos, pero non tivemos a máis mínima resposta”.

Tamén botan en falta a negociación e redacción dunha nova Relación de Postos de Traballo (que segundo ordena a lexislación aplicábel debe elaborarse anualmente), xa que a actual, coas súas sucesivas modificacións puntuais, ten 10 anos.

Así como o deseño e aprobación dun novo sistema de listas para nomeamentos interinos e contratacións temporais, máis áxil e rápido, “tal e como o que xa foi oportunamente proposto e presentado polo comité”. Mais tamén a negociación das instrucións de horario e xornadas, pois a proposta do comité achegada hai dous anos ficou sen resposta.

Outras demandas son que se finalice canto antes a valoración de postos de traballo da Policía local, con dotación económica suficiente nos orzamentos do 2021, para así evitar a amortización de prazas e iniciar, unha vez finalizada, a do resto do persoal. E o desenvolvemento dun plan de carreira profesional.

Tamén reclaman que a regulación do teletraballo se leve a cabo, previa negociación sindical, mediante unha norma interna global, que sexa común no seu marco regulatorio para todos os servizos e persoal municipal, en contraposición á “caótica situación de anarquía e voluntarismo” que presiden, na actualidade, o réxime de concesión do teletraballo no Concello.

E esixen sacar a concurso público, “baseado no mérito, na igualdade e na capacidade”, todos os postos de traballo que se atopan ocupados de forma provisoria ou temporal, tal e como xa anticipou unha recente sentenza xudicial da orde contencioso administrativa, pendente tamén de executar, e na que se poñía de manifesto que cerca de 200 postos de traballo dos grupos A1 e A2 “foron adxudicados de maneira discrecional e á marxe do conduto legalmente establecido”.

Finalmente, instan á aprobación urxente dun regulamento interno onde se artelle e desenvolva de maneira efectiva e eficiente o dereito de asistencia letrada do persoal municipal.

Volver