O comité de Povisa concéntrase no Sergas en demanda de información sobre as negociacións

Levan máis de 10 días sen saber se avanzan ou non, cun preconcurso de acredores sobre a mesa
Vigo - 27 Nov 2018

Desde hai 10 días o persoal de Povisa non ten información algunha sobre como van evolucionando as negociacións entre a empresa e o Sergas. Por iso membros do comité se concentraban esta mañá diante do edificio do organismo público. “Exiximos que nos reciban. Solicitamos unha xuntanza hai tempo e aínda non nos contestaron. Queremos saber a versión da administración e queremos saber tamén como vai afectar todo isto ás traballadoras e traballadores”.

Así o explicaba no decurso da concentración a voceira do comité de empresa, María Xesus Neira, quen lembraba que “estamos a día 27 e que o prazo para o remate do preacordo remata o 28 de decembro. Deberían chegar a un acordo antes. Se non é así e remata o preconcurso de acredores entrariamos en concurso o que cambiaría moito as cousas e estariamos nunha situación moi dura para todas e todos”.

Neira denuncia que, de momento, ao persoal non se lle garantiu que se vaia negociar un novo convenio para os traballadores/as que leva conxelado 8 anos. Xunto a isto denuncia tamén que “hai moito persoal ao que se lle impuxo unha xornada reducida e nós queremos que se volva ás 40 horas”. Porén as súas demandas de incluír nas negociacións melloras laborais e económicas non parecen estar incluídas nas negociación.

Povisa foi contactando co comité, todos os venres agás o da semana pasada, para informalo de como ían as negociacións. “O que di é que non avanzan gran cousa, que o único que teñen garantido é a farmacia ambulatoria e o PERLE que é o de rebaixar as listas de espera, pero que non supón unha cantidade de cartos e que nos puntos máis importantes como é a farmacia ambulatoria de alto impacto que non chegaron a acordo, nin noutras cuestións”.

Por iso Neira insiste en que “necesitamos saber o que está pasando e como vai afectar todo aos traballadores/as”.