Haberá folga en Povisa se a dirección non achega unha proposta que garanta un convenio digno

Persoal do hospital vigués cortou o tráfico para reclamar unha mellora das súas condicións laborais
Vigo - 10 Mar 2022

O comité de empresa do hospital Ribera Povisa de Vigo anunciou hoxe que promoverá unha convocatoria de folga se a dirección non achega pronto unha proposta que garanta un convenio colectivo digno. Os traballadores/as continuaron esta tarde co calendario de mobilizacións para reclamar unha mellora das condicións de traballo tras 11 anos co pacto laboral conxelado e levaron a cabo un corte de tráfico na Gran Vía, para a continuación marchar a pé até o centro médico privado.

A representación sindical compareceu esta mañá en rolda de prensa para informar sobro estado das negociacións. A presidenta do comité, Chus Neira, da CIG, lembrou que coa anterior dirección de Povisa “levabamos 11 anos co convenio conxelado, con conflitos constantes por despidos e reducións de xornada; dende que hai dous anos Ribera Salud se fixo co hospital a situación non mudou practicamente nada”, denunciou.

Neira explicou que en xaneiro do ano pasado intentaron pactar a renovación do convenio, pero tras 14 xuntanzas as partes non foron quen de chegar a un acordo a respecto da suba salarial, a xornada laboral e a promoción interna. “A empresa quere cambiar tamén unha serie de artigos do actual convenio para reducir días de convenio e implantar a flexibilidade da xornada, para o que pretenden entregar unhas quendas anuais que serían só orientativas para que o traballador/a coñeza cales van ser as súas quendas ao longo do ano, pero que poden ser modificadas en calquera momento por parte da dirección”.

A empresa quere tamén poder variar o número de horas que fai cada empregado/a, “establecendo por exemplo unha semana de 20 horas e despois obrigar a recuperar esas horas ao longo do ano, o que ataca directamente o dereito a conciliar a vida laboral e familiar”.

Suba salarial ridícula

En canto á suba salarial, a presidenta do comité sinalou que Povisa ofrece un 1% para 2021; un 1,5% para 2022; e un 2% para 2021, incremento que cualifica de “ridículo”, tendo en conta que a última actualización de soldos na empresa remóntase a 2010 e que o IPC do ano pasado atinxiu o 6,5%. Por iso a representación sindical entende que a súa proposta non é “nada do outro mundo”: un 3% para 2021; un 3% para 2022; e un 3,5% para 2023, “algo perfectamente asumíbel”.

Mais a dirección de Povisa mantén unha actitude inmobilista e negocia unicamente a partir do anteproxecto de convenio, sen ter en conta a proposta da parte social. Diante disto, a maioría do comité apostou por comezar un calendario de mobilizacións hai xusto un mes que tivo continuidade esta mesma tarde cun corte de tráfico na confluencia da Gran Vía coa rúa Tarragona e cunha marcha posterior até o centro hospitalario.

Neste senso, no caso de que a compañía non achegue pronto unha proposta que satisfaga as reclamacións do cadro de persoal apostarán por convocar xornadas de paros ou mesmo unha folga indefinida, ao tempo que continuarán coas mobilizacións.

Finalmente, lamentan que a empresa non teña en conta o gran esforzo feito polos traballadores/as durante a pandemia e lembran que o persoal de Povisa “sempre tivo que facer o seu traballo en malas condicións, con falta de efectivos e con conflitos constantes, e pensabamos que coa chegada da nova dirección cambiarían as nosas condicións, pero vemos que todo segue igual; están a facer obras moi custosas para mellorar as instalacións, pero non entendemos como non invisten no máis importante, que son os seus traballadores/as, xa se non están nunhas condicións dignas non poden ofrecer unha atención de calidade”.