O comité de Povisa esixe a empresa e Sergas celeridade e que se blinde a estabilidade do persoal

Indican que non exercerán “de parte” no conflito, aínda que temen que non se teñan en conta as reivindicacións dos traballadores/as
Vigo - 22 Out 2018

O Comité de Empresa do hospital privado Povisa, con sede en Vigo, afirma que aínda que non tomará partido nas negociacións en andamento entre Sergas e dirección, reclama celeridade e que o acordo contemple estabilidade e condicións dignas para o persoal do centro. Así o indicou na mañá deste luns en rolda de prensa a representación do persoal, que compareceu para dar conta da reunión efectuada o pasado venres coa patronal no marco do conflito aberto tras a solicitude do pre-concurso de acredores.

Segundo María Xesús Neira (CIG), aínda que as negociacións entre Administración e empresa están a demorar máis do previsto, confían en que finalmente exista un acordo entre as partes. Advertiu, porén, da posibilidade de que, ben no caso dun novo concerto, ben na restipulación do vixente, non se recollan as demandas de estabilidade, defensa dos postos de traballo e recuperación salarial que reclaman desde a parte social. 

Non podemos seguir a expensas de que dentro duns anos esteamos na mesma

Non podemos seguir a expensas de que dentro duns anos esteamos na mesma”, sinalou a sindicalista, que demandou á vez “estabilidade para traballadores/as e usuarios/as” fronte ao “secuestro” no que se vén inmersos “desde 2010”.

Neste sentido, reivindicou a inclusión de cláusulas que recoñezan o mantemento do cadro persoal fronte os recortes de persoal e que permitan manter a calidade asistencial, na liña do acordo incumprido de 2006. De feito, segundo se indico, non só se perderon máis de cen postos de traballo nos últimos anos, se non que proliferan as reducións de 40 a 35 horas semanais en colectivos como auxiliares, celadores ou enfermeiras/os e padecen unha conxelación salarial que dura xa oito anos.

Expresou a súa preocupación, ademais, pola posíbel “fuga de usuarias/os” que se poida producir cara o Álvaro Cunqueiro en base á incerteza xerada, dado que este ano remata a posibilidade de mudaren de centro, coa posíbel repercusión sobre os postos de traballo. Fronte a isto, reivindican que “non existan doentes de primeira e de segunda”, se non que todos/as teñan equiparación na calidade asistencial.

Contas mercantís

Así mesmo, indicou que o departamento legal da CIG analizaría as contas recentemente presentadas pola empresa no rexistro mercantil, porque até o momento non existe ningunha proba documental que acredite os datos cos que a empresa argumentou a solicitude pre-concursal.

Aínda así, indicou que Povisa pertence ao holding Nosa Terra 21, propiedade do magnate Silveira, que conta con beneficios multimillonarios. “A Xustiza debería ter moito que dicir sobre iso, dado o caso”, enfatizou.

Rolda de contactos e protesta

Indicaron, ademais, que continúan coa rolda de contactos en procura de apoios nas áreas contempladas no concerto co hospital, contando xa co respaldo dos gobernos municipais dos concellos do Val Miñor, O Morrazo e Vigo. En Nigrán van intervir no pleno deste xoves 25, mentres que nos de Moaña e Vigo aínda non teñen aínda data. Solicitaron, asemade, xuntanzas tanto co Sergas como co Valedor do Pobo, aínda sen resposta. O venres 26 voltarían reunirse coa empresa na procura de nova información.

Por outra parte, informaron que se concentrarán este martes 23 ante o Parlamento Galego no mesmo día en que asistirán, como convidados, á sesión plenaria onde o BNG formulará unha iniciativa relacionada coa problemática do centro e en defensa dos dereitos de persoal e usuarios/as.

Se non houbese solucións á vista, en dúas semanas formularían novas propostas de mobilización desde o comité.