O comité de Telepeformance convoca concentracións e paros laborais en demanda dunhas condicións dignas

A empresa segue sen cumprir os acordos e aproveita a pandemia para afondar na precarización
A Coruña - 04 Xun 2021

O comité de Teleperformance acordou desenvolver un calendario de mobilizacións ante o reiterado incumprimento por parte da empresa dos acordos e compromisos acadados co persoal. Así, teñen convocadas concentracións para os días 11 e 23 de xuño, ás 12:30h, diante do centro de traballo, e unha xornada de paros parciais para o 28 de xuño. Os paros laborais desenvolveranse en horario de 12:30 a 13:30h e de 16:00 a 17:00h horas e, coincidindo coa folga da quenda de mañá, tamén se realizará unha concentración diante as instalacións.

Con estas medidas de presión, o comité busca rematar cos continuos problemas no cómputo do rexistro de xornada, que derivan "en continuados e reiterados descontos en nómina por ausencias debidamente xustificadas polo persoal, así como por desconexións por fallos técnicos responsabilidade de Teleperfomance". Estas incidencias coas nóminas son un problema que se vén arrastrando dende hai máis de dous anos, e que se agravou durante a pandemia sen que até o momento a empresa lle puxera solución.

O comité  denuncia tamén que as formacións que ofrece Teleperformance ao persoal son "precarias, insuficientes e sen apoio tanto no centro como en teletraballo". Un traballo a distancia, engaden, que se impuxo sen garantías a raíz da crise sanitaria  e que a empresa "nega a compensar de maneira xusta e decente os gastos derivados do teletraballo, tal e como recolle o RD 28/2020, e non como una mera esmola que é o que pretende".

Nula vontade da empresa para chegar a acordos

A máis abundar, sinalan que se implantou unha ferramenta única para a comunicación coa empresa "con múltiples deficiencias e erros, que deixa totalmente indefensas as traballadoras e traballadores e limita o traballo sindical da representación social"; que non se traslada toda a información ao comité ou a "ausencia total de vontade por parte da empresa para conseguir puntos de encontro".

"O comité toma a decisión de levar adiante este calendario de mobilizacións como consecuencia da nula vontade por parte da empresa xa non de conseguir un acordo, senón que non se formula nin sentar para intentalo", alertan.

Dende que comezou a pandemia, "a empresa atopou o caldo de cultivo ideal para levar adiante todas e cada unha das súas pretensións, aplicando de maneira incondicional medidas unilaterais e restritivas, recortes de dereitos e modificacións nas condicións de traballo".

Diante destas agresións continuadas, a representación do persoal acordou levar adiante este calendario de protestas e xa adiantaron que as medidas de presión continuarán se a empresa non dá solución ás demandas sociais.