O comité de Televés denuncia o despedimento de dous compañeiros por teren unha limitación física

Demandan a súa readmisión e non descartan adoptar medidas
Compostela - 27 Nov 2019

O comité de empresa de Televés en Compostela, S.A.U. e as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO veñen de amosar, a través dun comunicado, a súa máis rotunda indignación polos despedimentos producidos o pasado 31 de Outubro de dous compañeiros, por teren unha limitación física.

Denuncian o modo de actuar dunha empresa como Televés, que durante moitos anos foi un referente a nivel comarcal, nacional e mesmo estatal nas súas relacións coas centrais sindicais e por extensión cos representantes das e dos traballadores.

Sinalan que os traballadores despedidos eran dous compañeiros que, por motivos de saúde, tiñan unha limitación física que, até a data dos seus despedimentos, non lles impediu realizar o seu traballo en condicións óptimas, segundo o sistema recollido no seu convenio colectivo.

Non se adaptaron os postos de traballo

Tampouco a empresa efectuou a adaptación dos seus postos de traballo de acordo ás súas limitacións, tal e como recolle a Lei de Prevención de Riscos Laborais e outras leis estatais e europeas e como se solicitou desde o comité de empresa.

"Non podemos admitir, de ningunha das maneiras, que sufrir un problema de saúde sexa motivo de despedimento e, moito menos nunha corporación con máis de 700 traballadores que ten unha situación económica saneada e moi solvente, e que a única solución que atope para estes dous compañeiros sexa botalos á rúa despois de media vida traballando para Televés de forma intachable”, denuncian.

Acto de conciliación

Os próximos días 29 novembro e 2 decembro os traballadores despedidos terán no SMAC un acto de conciliación, paso previo aos xuízos correspondentes nos que o comité agarda que a empresa reconsidere os despedimentos e ofreza aos traballadores a readmisión nos seus postos de traballo. “Tanto os delegados de persoal do comité de Televés, como os delegados sindicais dos tres sindicatos representados, estaremos a arroupar aos nosos compañer@ s despedidos”, anuncian.

Sinalan ademais que o pasado 13 de novembro a asemblea dos traballadores apoiou, de forma unánime, “as medidas que crésemos oportuno realizar para loitar polos nosos compañeiros, mesmo chegado o momento paros puntuais e folga”. En todo caso o comité de empresa agardará acontecementos para tomar as medidas correspondentes, se fose necesario.